O acusado de tocar as nádegas a unha menor nun parque de Arteixo négao, mentres ela e unha testemuña reafírmano

A menor asegurou na vista na Audiencia Provincial da Coruña que lle deu unha "palmada" e que despois se desculpou.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O acusado de tocar as nádegas a unha menor nun parque de Arteixo (A Coruña) declarouse inocente no xuízo celebrado na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña. O home, para o que a Fiscalía pide tres anos e seis meses de prisión por abusos sexuais, negou os feitos e mantivo que non se achegou "a ninguén" o 11 de maio de 2019.

A preguntas do fiscal, o procesado explicou que pasea habitualmente por esa zona "por prescrición médica", tras sufrir un infarto, pero dixo que era "incerto" que tocase a ningunha menor. "Non é que non o lembre é que non me acheguei", insistiu.

A menor declarou na sala que o home lle "tocou", descartou que fose un rozamento e cualificouno de "palmada". Relatou, tras un biombo, como el lle dixo: "Ai, síntoo" e continuou andando. "Tiña moito sitio para andar", apuntou a vítima. Na súa declaración, a menor asegurou que os seguintes días ao incidente "ía con medo" pola rúa e que sempre ía acompañada. "Non me quería volver atopar con ese señor", apostilou.

A nai da menor, que tamén compareceu na vista, comentou como xa coñecía ao home porque tivera un incidente similar coa súa filla nun "paso de peóns" do municipio. Por iso, engadiu, "quedei coa cara del" e o día dos feitos a menor díxolle: "Volveume a tocar o cu". A muller recoñeceu que sabía que el tivera un incidente relacionado cunha menor noutro municipio por comentarios dun veciño.

CON DESCARO

Unha amiga da vítima, testemuña dos feitos, asegurou o home "chocouse" e "tocoulle o cu". Foi, dixo, "descaradamente" porque o acusado, engadiu, "non tiña por que chocar". A menor contáralle, engadiu, que "non fora a primeira vez".

Segundo o escrito de cualificación do Ministerio Público, o acusado "sen que conste motivo algún e guiado polo propósito de satisfacer os seus lúbricos instintos, tocoulle as nádegas". A menor sofre "problemas de soño, pesadelos e afectación a nivel emocional" polo que a Fiscalía solicita unha indemnización de 6.000 euros por danos morais.

Desde o día dos feitos, o Xulgado de Instrución número 5 ditou que o home non pode achegarse a menos de 150 metros da menor e o fiscal pide agora para el que a medida se estenda durante cinco anos.

Xuízo por abusos sexuais celebrado na Sección Quinta da Audiencia de Pontevedra
Xuízo por abusos sexuais celebrado na Sección Quinta da Audiencia de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta