Pontón acusa a Feijóo de xestionar o ano da pandemia de xeito improvisado e erróneo

Pide "estar á altura" do esforzo dos cidadáns e acertar para construír a Galicia do futuro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo en valor a actitude "exemplar" do pobo galego que sitúa aos responsables políticos na obrigación de "estar á altura" e "acertar" á hora de dar unha resposta que permita non só saír da crise senón tamén sentar as bases do desenvolvemento da Galicia das próximas décadas.

Así o manifestou este luns nunha rolda de prensa celebrada na Cámara galega, na que fixo balance do ano de pandemia e tivo un recoñecemento especial a todas as persoas que traballaron en sectores que resultaron imprescindibles no combate contra a covid, especialmente na sanidade, nos coidados e nos servizos esenciais.

"Desde o BNG tentamos achegar o noso gran de area, con humildade, aprendendo dos e das galegas", sostivo Pontón, que afirmou que todo o que fixo e fai a súa formación busca "arrimar o ombreiro", "tendendo a man para pór Galicia por diante cun traballo construtivo polo país". Tras citar erros cometidos polo Goberno de Feijóo, a quen atribúe unha xestión marcada pola improvisación, pola incapacidade de anticiparse e con "mínima permeabilidade" para aprender dos erros, Pontón optou por centrarse no que "queda por facer".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

"Non podemos perder este tren para afrontar os retos que xa estaban aquí e que a pandemia non fixo máis que acelerar: transición ecolóxica e ambiental; transformación tecnolóxica e dixital; a transición a un modelo económico verde baseado na ciencia e na investigación; a saúde e os coidados das persoas como alicerce dunha sociedade xusta e inclusiva; a igualdade de xénero que garanta o dereito das mulleres a vivir libres e iguais", recalcou.

"INCAPACIDADE" PARA DEFENDER A GALICIA

"E lamentablemente non vemos nada disto e por iso a preocupación do BNG ante a falta de rumbo do Goberno de Feijóo, incapaz de traer ao Parlamento a proposta para aproveitar os fondos Next Generation, máis aló dun puñado de proxectos vinculados a grandes multinacionais pero sen capacidade para vertebrar o tecido produtivo e preparalo para un escenario alterado pola pandemia", denunciou.

Pontón tamén criticou a "evidente incapacidade" que, na súa opinión, está a demostrar o xefe do Executivo para defender Galicia ante o Goberno do Estado como, segundo apuntou, constatouse no recente encontro co ministro de Fomento, así como no feito de que, a pesar da pandemia, "non fixo nada por reforzar o sistema sanitario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta