A oposición pide que Feijóo dea explicacións pola "caixa b" mentres o PP responde que "xa se abordou na Cámara"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que as declaracións de Bárcenas "volven situar o foco da corrupción nunha ramificación no PP". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que, na súa declaración, Bárcenas "explicou que a caixa b do PP tivo a súa orixe en Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición galega coincidiron este luns ao esixir que o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dea explicacións sobre as afirmacións nas que o extesoureiro Luís Bárcenas relaciona aos populares galegos coa caixa b do partido. Deste xeito, nunha rolda de prensa celebrada este luns, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que é "evidente" que as declaracións de Bárcenas "volven situar o foco da corrupción nunha ramificación no PP". "E eu creo que é urxente que o señor Feijóo dea explicacións", manifestou Pontón.

A líder dos nacionalistas galegos asegurou que Pablo Crespo e o "Partido Popular teñen unha relación moi íntima" que "situarían esas doazóns" nun momento no que Feijóo xa "era responsable" do PPdeG. "Se algo nos repugna ás persoas que cremos que a política debe de estar ao servizo da cidadanía é precisamente a corrupción", manifestou Pontón, que considera que "esconderse ou non dar explicacións" o único que fai é "incrementar as dúbidas a respecto de cales son as responsabilidades".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que, na súa declaración, Bárcenas "explicou que a caixa b do PP tivo a súa orixe en Galicia e que a última operación que se fixo con esta caixa b tivo tamén a súa orixe en Galicia". "Dixo que a última operación que se pagou coa caixa b do PP viña de fondos do PP de Pontevedra, 50.000 euros que repartiron entre Rajoy e Cospedal", manifestou Gonzalo Caballero, que preguntou cal é o compromiso de Feijóo para "aclarar" estes casos.

"IMPLACABLES CONTRA A CORRUPCIÓN"

Tras lembrar que nesta época Alberto Núñez Feijóo xa presidía o PP de Galicia, o secretario xeral do PSdeG considerou necesario que este explique aos galegos "se o que di Bárcenas é certo". "Temos que ser implacables contra a corrupción, esa é unha máxima que eu teño claro como referente dunha organización política e como cidadán", sostivo.

"Non podemos dar nadiña de nada a prácticas corruptas na xestión do ámbito público. É o que lle pido ao meu partido e é algo que o PP ten que pedir tamén en Galicia", incidiu o socialista, que apuntou que estas afirmacións pon "en cuestión" a "xestión económica do PP" galego e expón que "o PP estaba dopado en momentos electorais".

Por todo iso, incidiu en que é hora que Feijóo compareza e explique se "é certo" que a última operación que se realizou coa caixa b do PP "procedía do PP de Pontevedra" e se eses fondos "acabaron nas mans de Cospedal e Rajoy". "Pola ética, a limpeza e a rexeneración, hai que aclarar todas estas cuestións", apuntou.

"AS EXPLICACIÓNS: NOS XULGADOS"

"As explicacións están a darse onde hai que dalas, nos xulgados", aseverou, pola súa banda, o portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, preguntado pola petición da oposición, nunha roda e prensa na que subliñou que lle "chama a atención" en clave de política autonómica "que isto pareza unha noticia" cando xa se abordou, dixo, en 2013.

Entón, defendeu que "as mesmas forzas que piden estas explicacións xa as obtiveron no Parlamento", onde se abordou "perfectamente" esta cuestión que figuraba no sumario da 'Gürtel' e deixouse " claro que non había nada". "É un asunto que xa foi tratado en serie parlamentaria sen que se desprendese ningún comportamento irregular", sentenciou o portavoz popular, quen detectou "un intento de seguir dándolle ao ventilador" que "non é bo".

Non en balde, resaltou que a oposición volve traer "á luz pública" este asunto coincidindo "co feito obxectivo" da "primeira condena en firme a un alto cargo socialista en Galicia por un delito de prevaricación, de corrupción, xa que se demostra que unha persoa levou diñeiro para casa de contratistas do órgano que xestionaba".

Aínda que non o mencionou, a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou recentemente a cinco anos de cárcere por suborno e prevaricación ao expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) Francisco Fernández Liñares, que foi xulgado xunto a nove empresarios.

Finalmente, tras defender que "afortunadamente" en Galicia a clase política compórtase "con honestidade" na súa gran maioría, concluíu que "é unha pena" que os rivais políticos da oposición volvan levar ao Pazo do Hórreo "temas xa tratados e que quedaron en nada".

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta