Temas: GALICIA VIVENDA

A compravenda de vivendas cae un 8% en xaneiro en Galicia, case a metade que a media

O total de leiras transmitidas diminúe un 11,2% ao comezo do ano.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/03/2021 | Actualizada ás 10:27

Comparte esta noticia

A compravenda de vivendas reduciuse un 8% en xaneiro en Galicia en relación ao mesmo mes do ano anterior, ata sumar 1.429 operacións, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE). O cociente situouse en 65 por cada 100.000 habitantes.

En total, as leiras transmitidas inscritas nos rexistros diminuíu un 11,2% ao comezo do ano en Galicia, tamén en comparación con xaneiro de 2020, ao contabilizarse 7.432 operacións, isto é, 340 por cada 100.000 habitantes. Estas transmisións distribuíronse entre 2.114 leiras rústicas (692 compravendas, 39 doazóns, 26 permutas, 918 herdanzas e 439 operacións doutra clase) e as urbanas: 2.893 vivendas, 191 solares e 2.234 doutro tipo.

As 5.318 leiras urbanas transmitidas repartíronse entre 2.740 compravendas, 98 doazóns, cinco permutas, 1.104 herdanzas e 1.371 no apartado de 'outros'. Pola súa banda, as 2.893 vivendas transmitidas correspóndense con 1.429 compravendas, 58 doazóns, tres permutas, 646 herdanzas e 757 operacións doutro tipo.

Por último, xa dentro das 1.429 compravendas de vivendas, delas 1.380 eran vivenda libre fronte a 49 protexidas e 399 vivenda nova fronte a 1.030 as de segunda man.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, a compravenda de vivendas esborrallouse un 15,4% o pasado mes de xaneiro en relación ao mesmo mes de 2020, ata sumar 39.753 operacións. A pesar deste descenso, a cifra total de compravendas é a máis elevada desde febreiro, xusto antes de que estalase a pandemia.

Co retroceso interanual de xaneiro, a compravenda de vivendas rompe con dous meses consecutivos de taxas interanuais positivas tras as subidas de novembro (+1,9%) e decembro (+3,7%).

A caída interanual das compravendas de vivendas en xaneiro foi consecuencia da diminución das operacións sobre vivendas usadas nun 18,8%, ata 31.337 transaccións e, en menor medida, do descenso nun 0,4% das operacións sobre vivendas novas, ata as 8.416 operacións.

O 90,7% das vivendas transmitidas por compravenda no primeiro mes do ano foron vivendas libres e o 9,3%, protexidas. A compravenda de vivendas libres baixou un 16% interanual en xaneiro, ata as 36.069 operacións, mentres que a de protexidas descendeu un 10%, sumando en total 3.684 operacións.

En termos mensuais (xaneiro de 2021 sobre decembro de 2020), a compravenda de vivendas avanzou un 10,1%, o seu menor repunte nun mes de xaneiro en polo menos cinco anos.

Evolución da compravenda de vivendas en Galicia. EPDATA
Evolución da compravenda de vivendas en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Temas: GALICIA VIVENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta