Vox xa está a menos de tres puntos do PP e Podemos empata con Ciudadanos no último barómetro do CIS

A ultradereita é a que máis crece no último mes. Tamén sobe o PSOE. Baixa o PP, BNG e Podemos que cae por baixo do 10%, tras deixar un punto e medio, e empata co Ciudadanos. O estudo non ten en conta a grave crise interna de Cs provocada pola moción de censura en Murcia.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 16/03/2021 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) apunta a un PSOE en crecemento, fronte a un PP que segue perdendo apoios en detrimento de Vox, que é a formación máis beneficiada xunto cos socialistas nesta sondaxe. O partido ultradereitista mantén a súa tendencia á alza e achégase a menos de tres puntos do partido de Pablo Casado. Tamén Unidas Podemos perde fol e queda en empate técnico cun Cs, aínda que o inquérito non recolle a grave crise sufrida por esta formación a pasada semana. O BNG tamén baixa con respecto ao anterior barómetro e pasa de 0,7 a 0,6% de intención de voto.

O estudo deste mes de marzo é o primeiro que no seu traballo de campo inclúe xa o resultado das pasadas eleccións catalás do 14 de febreiro, nas que o PSC de Salvador Illa foi a forza máis votada empatada en escanos con ERC e con significativos retrocesos de PP e, especialmente, Cs. Con todo, esta sondaxe aínda non recolle o terremoto político da semana pasada, con epicentro en Murcia e forte réplica en Madrid, con convocatoria adiantada de eleccións.

Así, o PSOE aumento a súa estimación de voto en seis décimas até o 31,3% (30,7% en febreiro), mentres que o PP cae case un punto porcentual nun mes (17,9% en marzo, polo 18,8% de febreiro). A ultradereita de Santiago Abascal xa se sitúa a menos de tres puntos dos populares tras alcanzar a cota do 15% de intención de voto, 1,4% máis que en febreiro e sendo o partido que máis sobe.

Unidas Podemos é a formación que máis retrocede en relación ao barómetro do mes anterior e que tampouco recollía a decisión de Pablo Iglesias de saír do Goberno para presentarse ás eleccións madrileñas do 4 de maio. O partido baixa dos 10 puntos e cae ao 9,6%, máis dun punto e medio menos que o mes anterior. Deste xeito, quedan empatados na cuarta posición con Ciudadanos, que rabuña un par de décimas desde febreiro para levantarse até unha intención de voto do 9,5%.

Estimación de voto do barómetro do CIS de marzo de 2021. EPDATA
Estimación de voto do barómetro do CIS de marzo de 2021. EPDATA

Tamén o BNG baixa con respecto ao barómetro de febreiro e deixa unha décima, pasando do 0,7% ao 0,6% de marzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta