A Xunta defende a seguridade da planta de Ence, a pesar das dúbidas sementadas polo seu presidente

Garante que a caldeira "cumpre favorablemente co seu labor" nun control ambiental "total". O BNG acusa á empresa de estar detrás de "unha campaña de chantaxe", que "chega a ser mafiosa", en "conivencia" co PP

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Carmen Bouso, asegura que a Xunta fai un "rigoroso" control do cumprimento das condicións ambientais na planta de Ence en Pontevedra, de maneira que as auditorías realizadas nos últimos anos mostran que o cumprimento por parte da empresa "é total".

Na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, o deputado Luís Bará (BNG) reclamou á Xunta que explique cal é a situación da fábrica de celulosas tras as recentes palabras "extremadamente graves e preocupantes" do conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, nas que asegurou que "en Pontevedra, con esa caldeira de recuperación e esa caustificación inestable, podemos ter un susto ambiental maiúsculo en calquera momento".

Respecto diso, Bouso sinalou que os últimos informes, de decembro de 2020 e febreiro de 2021, apuntan que a planta e caldeira "cumpren favorablemente o seu labor". Tras lembrar que foi o bipartito o que deu luz verde á declaración de impacto ambiental de Ence, remarcou que as inspeccións se realizan con "datos obxectivos fundamentados" e levan acabo por funcionarios "imparciais" que "sinalan" que a pasteira "cumpre medioambientalmente".

Ademais, esta alto cargo do Goberno galego defende que Ence ten unha concesión e unha prórroga de ocupación extraordinaria "absolutamente legal", o cal a Xunta seguirá defendendo, posto que "é defender a posibilidade de que continúen todas as industrias da cadea mar-industria na costa". Bouso queixouse de que o "o PSOE está a dicir que na costa non pode haber industria" coa Lei de Cambio Climático, que "non pode estar ninguén".

CRÍTICAS DO BNG

Pola súa banda, Luís Bará denunciou unha "conivencia absoluta entre Ence e PP" no marco dunha política de "portas xiratorias". Así, acusa á empresa de estar detrás dunha "campaña de chantaxe" e "intimidación", que "chega a ser mafiosa". A este respecto, emprazou á Xunta a que faga unha "condena pública" do "ataque violento" ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, por un "grupo minoritario de traballadores".

Ence na ría de Pontevedra. ENCE - Arquivo
Ence na ría de Pontevedra. ENCE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta