A CIG denuncia bloqueo do convenio de residencias pola patronal, que "rexeita compensar o esforzo" dos persoais

Reclama que as condicións destes traballadores "se encamiñen cara a unha homologación" coas de centros públicos.

Por E.P. | VIGO | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O sindicato CIG denunciou este martes a paralización e bloqueo da negociación do convenio dos traballadores das residencias de maiores de Galicia, por parte dunha patronal "que está a actuar de mala fe" e que "se nega a compensar o esforzo ímprobo" destes persoais, especialmente durante o último ano.

Así o trasladou nunha rolda de prensa o responsable de Negociación Colectiva de CIG-Servizos, Pedro Pérez, quen lembrou que o anterior convenio expirou a finais de 2019 e que, desde entón, as organizacións patronais están "a aprazar" a negociación para un novo acordo.

Segundo denunciou, a mesa negociadora non puido constituírse ata xuño de 2020, porque os sindicatos presentaron un conflito colectivo sobre a compensación das xornadas festivas e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se pronunciou ata maio do ano pasado. En todo caso, desde entón, criticou, "só houbo 6 reunións" e, aínda que a parte social presentou unha plataforma coas súas demandas, a patronal "non fai propostas" e limítase a sinalar que as pretensións dos sindicatos "son inasumibles".

Pedro Pérez denunciou que os representantes das empresas están a demorar a negociación, porque recorreron a resolución do TSXG sobre as xornadas festivas, e afeoulles que, mentres se incrementa o atraso nesa negociación, os máis de 3.000 traballadores afectados en Galicia seguen en condicións "precarias" e non se lles compensan os esforzos realizados nos últimos meses, a pesar de que están a ser traballadores esenciais na pandemia.

O representante sindical lembrou que a crise sanitaria serviu para comprobar "as neglixencias" por parte das empresas na xestión de residencias de maiores, e para constatar que "os cocientes de empregados/usuarios son insuficientes".

DIFERENZAS CON TRABALLADORES PÚBLICOS

Respecto diso subliñou que as condicións destes persoais deben "encamiñarse" cara a unha "homologación" con respecto aos traballadores de residencias e centros públicos, tanto en materia salarial como, especialmente, no que respecta á xornada.

Nese sentido, Pedro Pérez lembrou que, aínda que a diferenza no salario bruto non sexa moi ampla, si que se agranda ao engadir, no caso dos centros públicos, unha serie de complementos. Ademais, os traballadores dos centros privados traballan unhas 200 horas máis ao ano.

Loli Simón, delegada de CIG e traballadora de DomusVi, xunto ao responsable de Negociación Colectiva de CIG-Servizo, Pedro Pérez.
Loli Simón, delegada de CIG e traballadora de DomusVi, xunto ao responsable de Negociación Colectiva de CIG-Servizo, Pedro Pérez. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta