Piden 20 anos para o ex-militar acusado de matar dunha coitelada a un home en Ordes

Os feitos remóntanse a 2016.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

As acusacións no xuízo contra un exmilitar, condenado polo asasinato a un veciño de Ordes co que previamente mantivera unha discusión, reclamaron que se eleve de 15 a 20 anos a condena fronte á defensa que alega a existencia de "dúbidas razoables" e pide a absolución. Fixérono con motivo da celebración, na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), da vista de apelación contra a sentenza condenatoria da Audiencia Provincial da Coruña de acordo co veredicto do tribunal do xurado.

As acusacións, do mesmo xeito que Fiscalía, reclaman o aumento da pena. En concreto, os letrados que representan á exparella da vítima e á nai fano polo mesmo motivo, infracción do precepto constitucional, e solicitan que sexa a condena por 20 anos e non polos 15 aos que se lle condenou. Pola súa banda, a defensa ve vulnerado o principio de presunción de inocencia e solicita a absolución. Tamén alega a existencia de "dúbidas razoables" en relación aos feitos polos que foi condenado o seu cliente para pedir que se anule o fallo.

INIMIZADE PREVIA

O tribunal do xurado considerou probado que, sobre as 4,00 do 17 de xullo de 2016, o acusado apuñalou á vítima no pescozo cando camiñaba pola rúa Compostela en dirección ao seu domicilio, en Ordes. Así, o ataque produciuse "sorpresivamente" e nunha zona que estaba "mal iluminada e escasamente transitada" polo que a vítima careceu de posibilidade de defensa, segundo consta na sentenza.

No fallo, o maxistrado presidente tribunal do xurado indicaba que "unha única puñalada, certeira e fulminante, determinou a morte inmediata da vítima", cuxo corpo "non presentou ningunha ferida de defensa". Ademais, considerouse acreditado que o condenado e o falecido, "dedicados habitualmente á venda polo miúdo de drogas", tiñan inimizade e que o día dos feitos tiveron unha pelexa, tras a cal a vítima se marchou para a súa casa e chamou por teléfono para pedir a presenza dunha patrulla policial. Posteriormente "foi degolado polo acusado, que tiña adestramento militar". Poucos días despois dos feitos, o condenado e a súa familia trasladáronse a Madrid e, despois, el viaxou Colombia.

Un xuízo, en imaxe de arquivo
Un xuízo, en imaxe de arquivo | Fonte: Brais Lorenzo - Pool. - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta