Sanidade afirma que "os pacientes oncolóxicos tiveron menos demoras que nunca" durante a pandemia

O conselleiro defende o modelo de 'hospital unico'.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este xoves nun coloquio en liña organizado por Executive Forum no que puxo en valor a abordaxe galega fronte á covid-19 desde a coordinación e o modelo de 'hospital único', á vez que reivindicou o esforzo realizado para que as patoloxías máis graves non sufrisen atrasos pola pandemia.

Cancro infantil
Cancro infantil | Fonte: Pxhere.

"Os pacientes oncolóxicos tiveron menos demoras que nunca, basicamente porque non competían con outros procesos", dixo o conselleiro, que esgrimiu as cifras de Sanidade de rebaixa de tempos en vías rápidas.

Con todo, a saturación dos hospitais por mor da covid-19 si tivo efectos noutro tipo de probas ou intervencións non urxentes, que agora a consellería restablece a través dun plan de recuperación da actividade dotado con 15 millóns de euros.

Do mesmo xeito, e coa vista posta no futuro, García Comesaña falou das unidades postcovid que foron creadas este xoves no Consello da Xunta e que, como xa ocorría na de Vigo, monitorarán en cada área sanitaria as secuelas dos pacientes covid cun equipo multidisciplinar.

Durante a súa intervención, en conselleiro destacou os bos datos alcanzados por Galicia e puxo en valor o seu modelo de 'hospital único', isto é, a utilización de todos os recursos do sete áreas sanitarias para cubrir coas posibilidades dunhas as carencias doutras en momentos de presión hospitalaria.

"Movemos pacientes, fixemos probas de forma xeneralizada onde había máis capacidade en cada momento...", explicou García Comesaña, que defendeu tamén o "modelo de gobernación" galego, primando "a interrelación e o contacto directo de toda a estrutura de xestión" sanitaria de forma "diaria e fluída".

"Os contactos de todos os equipos son intensísimos", sentenciou, entre eles os do propio comité e subcomité clínico de expertos, que manteñen, polo menos, un encontro á semana desde hai un ano. "As reunións periódicas e o contacto continuo son unha das claves da nosa xestión da pandemia. Isto permitiunos anticiparnos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta