Rueda defende ao presidente de Ence e lembra a actividade económica que xera en Pontevedra

"O problema é que se poidan perder 5.000 postos de traballo non só en Pontevedra e na súa comarca, senón toda a actividade forestal que hai en Galicia que depende de Ence", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, afeou este luns a celebración no Concello de Pontevedra dun pleno para declarar 'persoa non grata' na cidade ao presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares.

En declaracións aos medios durante unha visita á localización do novo xulgado do social en Lugo, Rueda advertiu a BNG e PSOE --grupos que conforman a maioría de goberno en Pontevedra-- que iso "é non entender o problema" da pasteira de Lourizán.

"O problema é que se poidan perder 5.000 postos de traballo non só en Pontevedra e na súa comarca, senón toda a actividade forestal que hai en Galicia que depende de Ence. Se cren que todo se soluciona declarando 'persoa non grata' ao responsable da empresa coa que hai que negociar, isto é non entender o problema", lamentou.

O vicepresidente galego, que á súa vez é presidente do PP da provincia de Pontevedra, advertiu que "hai un perigo certo" de que Ence abandone non só a comarca senón "toda Galicia". "E o que temos que facer é evitar que isto sexa así", engadiu.

Para iso, Rueda chamou a "non aprobar" a Lei de Cambio Climático que se atopa en tramitación no Congreso "coa redacción que ten actualmente" no seu polémico artigo 18, que confirma a limitación a 75 anos das concesións en dominio público marítimo-terrestre.

Ademais, a continuidade da pasteira en Lourizán tamén pasa, a xuízo do vicepresidente da Xunta, por "tentar facer o posible por que unha empresa, que se quere quedar na súa zona e segue querendo crear riqueza en Galicia, non lla bote".

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, realiza declaracións aos medios.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, realiza declaracións aos medios. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jose Manuel Souto Lamas

Manda ENCE, Feijoo obedece.