Os empresarios galegos piden a harmonización fiscal dentro do Estado e da UE

O presidente da CEG, Juan Vieites, pediu tamén que se axilicen e aceleren os procesos para a solicitudes de axudas para empresas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

A Confederacion de Empresarios de Galicia (CEG) reclama "unha maior armonización fiscal a nivel nacional e europeo" ao entender que "garantiría unha maior competitividade" das pequenas e medianas empresas. É a mensaxe que traslada tras a reunión do seu comité executivo este martes na sede da Confederación de Empresarios de Lugo.

O encontro foi encabezado por Juan Vieites, presidente da patronal galega, que estivo acompañado en Lugo por Eduardo Valín e Jaime López, conselleiro delegado e secretario xeral da organización empresarial lucense, respectivamente.

Aproveitando a visita institucional a Lugo, Vieites tamén mantivo un encontro co presidente da Deputación, José Tomé, ao que trasladou un documento que resume e reforza as principais demandas económicas e empresariais da confederación lucense para impulsar o tecido produtivo.

Estas solicitudes pasan por reforzar sectores "clave" como o agroalimentario, pesqueiro e forestal e finalizar infraestruturas "imprescindibles" como a autovía Lugo-Santiago e as conexións por ferrocarril, entre outras.

FISCALIDADE E AXILIDADE NAS AXUDAS

Na reunión do comité executivo, de carácter ordinario, "púxose de manifesto unha vez máis a forte preocupación das empresas galegas pola fiscalidade", destaca a CEG nun comunicado. Neste sentido, apunta que a patronal aposta por un modelo fiscal "simplificado, tanto en número de tributos como en presión, tanto a cidadáns como para empresas", o que ao seu xuízo "permitirá unha maior marxe para o investimento e o consumo, que a medio prazo xerará maior riqueza".

"Tendo en conta o grao de vulnerabilidade e exposición ante a crise das pemes e autónomos, é necesario baixar a presión, o que daría lugar a unha mellora da competitividade e un incremento na creación de emprego", destacou Vieites.

"Ademais, e pensando no futuro, deberiamos apostar pola eliminación daquelas medidas fiscais que disuadan a particulares e empresas de realizar investimentos produtivos en Galicia", engadiu. Na mesma liña, avogou por unha fiscalidade "harmonizada que salvagarde a libre competencia e a unidade de mercado". O comité tamén subliñou a necesidade de "axilizar o máximo posible a tramitación e entrega das axudas estatais para axudar a autónomos e empresas a sobrevivir fronte ao impacto da covid".

REUNIÓN INSTITUCIONAL

Na reunión posterior, co presidente da Deputación, Vieites trasladou un documento de inquietudes empresariais con especial atención á problemática provincial. Polo que respecta á provincia de Lugo, a CEG considera "necesario impulsar a finalización dos ciclos produtivos, con plans de axuda a proxectos relacionados co aproveitamento da riqueza natural e agroalimentaria da provincia, así como apoiar a novos emprendedores que permitan a consolidación de novos sectores con valor engadido en Lugo, como xa se está facendo no sector aeronáutico con bos resultados grazas á colaboración público-privada".

Vieites resalta o potencial do sector mar-agroalimentario da provincia de Lugo e sinala a necesidade de pór en valor o seu potencial "promovendo a profesionalización e dimensionamento das explotacións, así como apostando por producións sustentables e de calidade e polo establecemento de industrias transformadoras, vinculadas a un modelo de innovación constante que achegue cada vez máis valor engadido aos produtos e materias primas".

Tamén subliña o valor do sector forestal lucense e lembra que "a planificación e promoción de aproveitamentos forestais son a maior vacina contra os incendios e a favor da conservación do medio". Así mesmo, entende que o sector pesqueiro precisa dunha "protección especial", tendo en conta a redución da frota durante os últimos anos e o impacto do Brexit, entre outros factores.

En liña coa defensa do sector mar-industria, chamou a "unir esforzos" para defender desde Galicia ás empresas afectadas pola futura lei de cambio climático en trámite parlamentario neste momento. Noutra orde de cousas, chamou a atención sobre a "importancia deste ano" para o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera.

Sobre a situación de Alcoa, ve "necesario traballar conxuntamente por parte das administracións nun plan de reconversión industrial para A Mariña", na rexeneración ambiental da instalación e na posta en valor do porto de San Cibrao, para manter a produción e os postos de traballo.

Reunión da CEG en Lugo. CEG
Reunión da CEG en Lugo. CEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta