A vixencia dos libros de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO será prorrogada pola Xunta para renovalos coa LOMLOE

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade tomou esta decisión tras proporlla e acordala coas asociacións de nais e pais e coa Xunta Autonómica de Directores, así como cos representantes dos libreiros e editores da Comunidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A Xunta prorrogará a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO co fin de "evitar un gasto extraordinario nas familias". Con este obxectivo, a súa renovación farase coincidir coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa LOMLOE a partir do curso 22-23.

Tendo en conta que este ano tocaría renovar os manuais destes niveis, isto suporía un gasto total de máis de 10 millóns de euros para os pais en libros que "só servirían para un ou dous anos académicos e non poderían pasar despois nin a outros nenos nin a un banco de préstamo", indica a Xunta. O aforro por familia será de entre 105 euros e 280 euros en función do nivel educativo e da renda familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade tomou esta decisión tras proporlla e acordala coas asociacións de nais e pais e coa Xunta Autonómica de Directores, así como cos representantes dos libreiros e editores da Comunidade.

INICIATIVAS PARA FOMENTAR A LECTURA

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, reuníronse este martes coa Federación de Libreiros de Galicia para presentarlles as novas liñas de reforzo previstas en bibliotecas escolares, que suporán un incremento de fondos bibliográficos para os centros educativos, cun investimento de 3 millóns de euros. Ademais, destinaranse 5,5 millóns á reposición de libros deteriorados.

O Goberno galego previu lanzar unha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como incrementar o orzamento do curso 2021/22 no referido a a dotación para adquisición de fondos neste plan.

Por outra banda, prevese o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ademais de fomentar a participación de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas actividades das bibliotecas.

Finalmente, estenderase a convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación primaria -ata agora só presente en Secundaria- e promoveranse as iniciativas de lectura en galego. Na actualidade, 213 centros escolares forman parte desta iniciativa na que participan máis de 10.000 alumnos.

Interior dunha aula dun colexio público.
Interior dunha aula dun colexio público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta