Feijóo acusa a Pontón e Caballero de "correspondentes dun culebrón televisivo" por falar da caixa B do PPdeG

Foi o extesoreiro do PP Luís Bárcenas o que volveu relacionar ao Partido Popular de Galicia coa caixa B na Audiencia Nacional.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/03/2021 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desligou á súa formación en Galicia, ao Goberno autonómico e ao grupo parlamentario de calquera relación con causas de corrupción desde que el está á fronte.

O empresario Francisco Correa, o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas e o ex-secretario de Organización do PP de Galicia Pablo Crespo
O empresario Francisco Correa, o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas e o ex-secretario de Organización do PP de Galicia Pablo Crespo | Fonte: Europa Press.

Núñez Feijóo, que é líder do PP galego desde xaneiro de 2006 e presidente da Xunta desde 2009, rexeitou deste xeito calquera implicación ou vinculación cos casos de corrupción relacionados ou atribuídos ao PP como Gürtel, Bárcenas ou Kitchen, así como coa denominada caixa B, tras ser preguntado polo BNG e polo PSdeG no Parlamento galego.

Durante a sesión de control no Parlamento galego, o titular da Xunta reprochou tanto a Ana Pontón (BNG), como a Gonzalo Caballero (PSdeG), con quen se reunirá o venres para falar da pandemia, que trouxesen este tema ao Parlamento cando leva "doce anos" falando sobre el e non houbo "ningunha novidade".

Tanto a líder do BNG, que anunciou a súa intención de pedir unha comisión de investigación, como o portavoz socialista amosaron as súa súa indignación coa resposta de Núñez Feijóo e lembráronlle que foi o extesoreiro do PP Luís Bárcenas quen volveu relacionar ao PPdeG coa caixa B na Audiencia Nacional fai escasos días, cun suposto pago de 50.000 euros do PP de Pontevedra. 

"DESCULPAS"

O presidente galego, pola súa banda, defendeu a xestión da formación e do seu Goberno co á fronte, á vez que esgrimiu que el foi dos primeiros "en advertir a lamentable conduta delituosa de cargos relevantes do PP e en pedir desculpas".

"E aproveito para volver facelo", dixo, antes de engadir que o único que desexan os populares galegos é "que se faga xustiza dunha vez", e de pasar ao ataque para acusar os xefes de filas da oposición de exercer de "correspondentes dun culebrón televisivo falando de Madrid".

"De verdade queren acordar despois do que están a dicir?, inquiriu, co foco na reunión do venres, antes de anticipar: "Se se quitan o disfrace de guionistas de culebrón e se poñen o de deputados para falar de Galicia, vanme a atopar. Se veñen de correspondentes dos seus partidos en Madrid, comprenderán que van atopar a un presidente falando de Galicia e uns correspondentes dun culebrón televisivo falando de Madrid".

Na súa intervención, tamén citou a todos os anteriores portavoces de BNG e PSdeG que lle preguntaron respecto diso, antes de defender que xa deu "explicacións" varias veces en 12 anos. "E se forman parte da estratexia de defensa do señor Bárcenas, que quere imputar deshonestidades a este grupo parlamentario e a este partido político, non o imos a aceptar", avisou.


"HAI QUE TER VALOR PARA FALAR DE CULEBRÓN"

"Que fale de culebrón vendo o que está a pasar na Audiencia Nacional, cun desfile de glorias do PP, hai que ter valor", replicou Ana Pontón, quen, ademais de anticipar que o Bloque quere impulsar unha comisión de investigación na Cámara, coincidiu con Caballero en reprochar a Feijóo que se escude "na pandemia" para "tratar de tapar" a corrupción no PP.

De feito, Caballero afeoulle un "exercicio de irresponsabilidade" por protagonizar "unha fuxida cara a adiante" sen dar "explicacións". "O problema non é preguntar por corrupción, senón que a haxa, a súa corrupción roubou millóns de euros á cidadanía deste país", apostilou a líder do BNG, antes de cargar contra a "mafia Gürtel".

RUEDA, ORGULLOSO DO SEU PARTIDO


O vicepresidente galego, Alfonso Rueda, dixo estar "moi orgulloso" do seu partido, o PP, tras as críticas lanzadas polo deputado socialista Pablo Arangüena polos casos de corrupción que salpican aos populares e que, segundo o do PSdeG, "están asociados por varias vías" ao PP galego.

Despois de que os casos de corrupción no que están implicados exmandatarios do PP estatal fosen o tema central da sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o mesmo asunto volveu ocupar o debate horas despois no pleno que a Cámara autonómica acolle este mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta