Lea no Concello de Valga por unha sospeita de enchufismo: "aquí non contratamos a ningún 'familiar de'"

O alcalde Bello Maneiro (PP) acusa aos independentes Valga Viva: "non lles queda un lugar onde non presentaran denuncia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Lea no Concello de Valga a raíz dunha contratación pública para impartir un módulo de igualdade nun obradoiro educativo. As dúbidas que penden sobre tal contrato véñense de saldar cun intercambio de mensaxes entre o grupo da oposición Valga Viva e o alcalde José María Bello Maneiro, do Partido Popular, que escalou en tensión coa única --ata o momento-- resposta do rexedor.

José María Bello Maneiro, en imaxe de arquivo
José María Bello Maneiro, en imaxe de arquivo | Fonte: Concello de Valga.

O conflito en cuestión arrincou o pasado 13 de marzo, cando Manuel Castiñeiras García --de Valga Viva-- presentou un escrito ante o Concello para coñecer “os criterios de selección que se seguiron para a contratación/elección da persoa encargada de impartir o módulo de igualdade”. Castiñeiras decidiu inquirir os motivos polos que o módulo non fora impartido por profesionais do Centro de Información á Muller que comparten Valga e Moraña, “como viñeron facendo en outros obradoiros”.

A consulta de Castiñeiras non foi ben recibida polo alcalde popular, que respondeu ao independente en termos que, para o da oposición, non son propios “dunha persoa que ostenta un cargo de posición de alcalde nunha institución como é un concello”. A réplica en cuestión, por riba, “non dá ningún tipo de respostas ás cuestións requifidas sobre os criterios de selección da contratación da persoa encargada de impartir o módulo de igualdade”.

"FAMILIAR DE"

En troques, e sempre segundo a versión de Castiñeiras, a resposta da rexedor consistiu “nunha crítica ás miñas aptitudes e capacidades, con valoracións persoais impropias dunha administración” e “cunha falta total de respecto, segundo se recolle no art. 13 da lei 39/2015 de procedemento administrativo común”, alude a respecto do dereito da cidadanía a acceder á información pública segundo o previsto na lei 19/2013 de transparencia, entre outros. 

A resposta do alcalde foi nos termos que seguen: “infórmolle que o Concello de Valga non contratou a ningún ‘familiar de’ para impartir o módulo de Igualdade do Obradoiro de Emprego”. O rexedor popular insistiu no mesmo ton ao longo da resposta: “Cando unha persoa chega a certa idade supónselle un mínimo grao de madurez, seriedade e sensatez. Estas calidades non se demostran perseguindo a unha persoa por ser filla ou familiar de ninguén. É indigno”, engadiu.

“Por iso pídolle que deixe de desacreditar a persoas traballadoras que se sacrificaron para lograr uns obxectivos, deixe de desprezar o seu traballo e respecte. Non todo vale en política por un puñado de votos”, aseverou o rexedor, antes de espetar a derradeira: “nos seus catro primeiros anos coma concelleiro da oposición non deixou ver a súa faceta de denunciante. Pero nestes dous anos de lexislatura non queda lugar ningún onde non presentara denuncia. Vai batir todos os récords de concelleiro denunciante”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta