Acordo na Cámara galega para pedir ao Estado que rebaixe ao 10% o IVE no sector do deporte

O texto aprobado tras unha transacción entre PP e PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Os grupos da Cámara galega chegaron a un acordo, por mor dunha iniciativa do PPdeG, para pedir ao Estado que rebaixe o tipo do imposto do valor engadido (IVE) do 21% ao 10% en todas as prestacións de servizo deportivas e actividades físicas prestadas por persoas físicas que non estean xa exentas pola normativa.

Así mesmo, solicitaron que se inclúa ao sector nos plans e accións de axudas directas para paliar as consecuencias económicas derivadas da paralización ou diminución da actividade debido ás restricións pola covid-19.

O texto aprobado tras unha transacción entre PP e PSdeG partiu dunha proposición non de lei defendida pola deputada popular Guadalupe Murillo, quen sostivo que, aínda que este sector "non sae á rúa", "é un dos máis afectados" pola pandemia da covid-19.

"Os beneficios desta actividade para a saúde son evidentes", afirmou a parlamentaria do PPdeG, que citou diversos estudos sobre os efectos positivos que o deporte ten na calidade de vida das persoas. Con todo, lamentou que é unha das ramas da economía que máis está a tardar en recuperarse.

Así mesmo, nun contexto no que "Galicia é a cuarta comunidade con máis empresas" dedicadas a esta actividade, considerou necesario apoiar ao deporte e promocionar o seu consumo e práctica. "E a redución do IVE pode ser unha das claves da reactivación económica do sector", apuntou.

"Calquera axuda será valorada polo sector pero a baixada do IVE fará o servizo moito máis atractivo para a poboación", argumentou a parlamentaria do PPdeG, que tamén confiou en que a comisión de reactivación posta en marcha na Cámara galega permita tamén lograr acordos en beneficio deste sector.

POSTURA DOS SOCIALISTAS

Aínda que finalmente os socialistas apoiaron a petición ao acordarse o texto, no debate, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo afeoulle ao Grupo Parlamentario Popular que reclame a baixada dun imposto que a súa propia formación subiu en 2012, cuestión que a propia Guadalupe Murillo enmarcou na crise económica que se rexistraba naquel momento.

Así mesmo, Rodríguez Rumbo, que coincidiu coa parlamentaria do PPdeG ao pór en valor os beneficios da actividade deportiva, criticou que os populares votasen en contra de baixar este imposto en 2018 no Congreso.

"Cando o PP goberna toma medidas para diminuír os dereitos da cidadanía e precarizar os servizos", afirmou a parlamentaria socialista, que acusou aos populares de tratar de "distorsionar a xestión do Estado" cando están na oposición.

APOIO DO BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG Daniel Castro trasladou o apoio do seu grupo á proposición non de lei por considerar que se trata dunha proposta "beneficiosa para un sector que sofre as consecuencias da pandemia".

Un total de 27 deportistas de alto nivel optan a ofertas de traballo activas
Un total de 27 deportistas de alto nivel optan a ofertas de traballo activas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta