Campaña para conseguir computadoras, tabletas e conexión a Internet a 100 menores en risco de exclusión social

Amigos de Galicia lanza unha campaña de recollida de tapóns contra a fenda dixital entre escolares galegos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2021 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A Fundación Amigos de Galicia iniciou a campaña 'Conectad@s', de recollida de tapóns de plástico, para loitar contra a fenda dixital que, agravada pola crise da covid-19, afecta os escolares galegos de familias con escasos recursos.

Campaña solidaria de recollida de tapóns de Amigos de Galicia.
Campaña solidaria de recollida de tapóns de Amigos de Galicia. | Fonte: Europa Press

A iniciativa foi presentada este mércores pola responsable do Departamento de Comunicación da fundación, María Rodas; e unha traballadora da organización, Celia Barbazán. 'Conectad@s' pretende sufragar o pago de computadores, tablets e conexión a Internet a 100 menores galegos en risco de exclusión social.

"A campaña xorde dado o elevado aumento de solicitudes que estamos a recibir nos últimos meses de familias galegas con menores a cargo que non contan cos dispositivos informáticos necesarios e/ou conexión a internet, para desenvolver o curso escolar en igualdade de condicións", explicou María Rodas.

Unha situación que se viu agravada pola crise sanitaria da covid-19 e o peche dos colexios durante o confinamento, que "puxo de manifesto a realidade da desigualdade tecnolóxica".

Neste sentido, a responsable de comunicación da fundación destacou que, só no último mes, Amigos de Galicia recibiu 89 solicitudes".

Todas as recibidas son valoradas polo Departamento de Traballo Social da entidade, e contan cun informe social favorable dos servizos sociais e outro do centro escolar onde o menor solicitante realiza os seus estudos.

Do total de peticións recibidas ata o momento, 33 contan xa cunha avaliación favorable para recibir a axuda, segundo explicou María Rodas. A traballadora da entidade confirmou que as primeiras entregas realizaranse a menores dos concellos da Coruña, Santiago, Vilasantar e Negreira.

FINANCIAMENTO DE TRATAMENTOS MÉDICOS

As persoas que desexen colaborar poden facelo mediante a doazón de tapóns de plástico nos puntos de recollida que se poden consultar na páxina web de Amigos de Galicia. A fundación habilitou tamén un número de conta -É55 2080 5075 1730 4003 4704- para achegas económicas e, proximamente, abrirá unha vía de colaboración en Bizum.

"Sendo conscientes do volume de solicitudes", a entidade recollerá tamén tablets de segunda man na súa oficina de Santiago de Compostela, na Avenida de Lugo.

Máis aló da loita contra a fenda dixital, María Rodas lembrou que non "abandonarán" os obxectivos de anteriores campañas. "Seguimos traballando para financiar, por exemplo, tratamentos médicos para menores que non cobre a Administración como lentes graduadas ou audífonos", destacou.

Amigos de Galicia subliñou que se atopan en contacto permanente cos centros escolares de toda Galicia, tanto para que lles deriven os casos de menores en risco de exclusión social, como para levar a cabo charlas de concienciación "sobre a importancia do voluntariado e de valores como a solidariedade ou o coidado do medio ambiente" que, dada a situación de pandemia, poderán seguirse virtualmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta