Feijóo avisa a Pontón e Caballero: "Desde o 2009 non tiven moitas axudas da oposición"

Espera que a xuntanza cos líderes da oposición sexa "útil" e di que lles presentará os proxectos Next Generation presentados este xoves.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, manifestou este xoves o seu desexo de que a reunión cos líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG), sexa "útil" e haxa acordos, xa que "sería unha gran noticia", aínda que asegurou que desde 2009 non tivo "moitas axudas"

Feijóo, Pontón e Caballero
Feijóo, Pontón e Caballero | Fonte: ED

"Pero os antecedentes non teñen por que ser o presente", sinalou Núñez Feijóo tras a reunión semanal do Goberno galego, dedicada de modo case monográfico aos proxectos que presentará Galicia á candidatura a captar fondos europeos Next Generation.

"Gustaríame que fose útil, levo moito tempo falando de reactivación, pero non é o habitual", lamentou Núñez Feijóo, que insistiu en que nin no período de crise económica 2009-2015 nin na pandemia actual causada pola covid-19 contou con "moitas axudas" por parte da oposición.

De todos os xeitos desexou poder chegar a "algún acordo" con BNG e PSdeG e asegurou que el acudirá con "ánimo construtivo" e "cos deberes feitos". Destacou que presentará tanto a Pontón como a Caballero de forma detallada os 354 proxectos analizados este xoves polo Consello da Xunta, con investimentos por case 20.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta