Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/03/2021 | Actualizada ás 16:11
"Non puido ser en 2020, nin tampouco o será en 2021". Con esta frase arrinca o comunicado co que a organización do PortAmérica anuncia que este ano non haberá festival, e empraza ao seu público para a edición 2022.
O motivo, como o foi en 2020, é a situación sanitaria e as posibilidades para levar adiante un evento deste tipo. "Non queremos un festival no que o noso público non viva unha experiencia plena, non ten sentido. Queremos ofrecer o maior grao de satisfacción, e nestes tempos seguen sen darse as condicións para garantilo", explica a compañía Esmerarte.
Por iso, empraza ao público á edición 2022, advertindo de que, "se a evolución da pandemia é favorable", é "moi probable" que se celebre antes. "Estamos a traballar nunha programación adaptada ás circunstancias que, de ser posible, terá lugar unha vez pasado o verán e axuntará, como non, música, gastronomía e natureza", destacan. Inicialmente, estaba previsto que o festival tivese lugar no mes de xullo na Carballeira de Caldas de Reis.
As entradas xa adquiridas seguen sendo válidas para a edición 2022, aínda que, quen o desexe, pode pedir o reembolso entre o 26 de abril e ata o 24 de maio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.