Os novos xulgados do Social da Coruña, Vigo e Lugo entrarán en funcionamento o mércores

"Os xulgados sociais son os que teñen máis sobrecarga de asuntos", di o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 26/03/2021 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

Os novos xulgados do Social da Coruña, Vigo e Lugo entrarán en funcionamento o mércores, día 31, segundo explicou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, nunha visita ás dependencias do xulgado do Social número 7 da Coruña, que estará situado na antiga Audiencia Provincial.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visita xunto ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, as dependencias do novo xulgado do Social da Coruña
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visita xunto ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, as dependencias do novo xulgado do Social da Coruña | Fonte: Europa Press.

Á visita, asistiron tamén o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

"Os xulgados sociais son os que teñen máis sobrecarga de asuntos", afirmou Juan José Martín, quen lembrou que A Coruña conta agora mesmo con seis xulgados do Social e "hai dous reforzos compostos por xuíces e letrados da Administración de Xustiza e dez funcionarios da Xunta".

Ademais do xulgado da Coruña, tamén se porán en marcha o mesmo día outros dous xulgados do social, un en Vigo e outro Lugo. "A Xunta fai un investimento de máis de 850.000 euros co tres novos xulgados, que se investirán en mobiliario, equipo informático ou funcionarios", subliñou Juan José Martín.

Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia expresou "a súa satisfacción" coa Xunta e o Ministerio de Xustiza e felicitou as actuacións de xuíces e xuízas, xa que a pesar da carga de traballo na pandemia, "o número de asuntos en trámite descendeu entre o 1 e o 7%".

Segundo apuntou, actualmente "habería preto de 35.000 asuntos en trámite" na cidade da Coruña. "Con este novo xulgado o que faremos é manternos nunha situación óptima", dixo.

Por último, respecto da petición para que haxa un novo xulgado do Mercantil na cidade, que sería o terceiro de materializarse, o director xeral de Xustiza dixo "que se todo vai ben, podería entrar en funcionamento a finais de ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta