Aprobada unha modificación de crédito pola Deputación de Ourense para reactivar os concellos con 20,6 millóns

A corporación provincial tamén aprobou a adenda ao convenio coa Xunta de Galicia en materia de emerxencia e prevención de incendios, cunha achega de 224.000 euros para a creación de dous novos grupos GES.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Ourense aprobou unha modificación de crédito que permite destinar máis de 20 millóns de euros para a reactivación económica dos concellos da provincia de face á etapa postcovid. A institución provincial ten un remanente de 44 millóns de euros do pasado exercicio de 2020, dos cales aprobaron unha modificación de crédito para destinar 20.676.000 euros aos gobernos locais da provincia, para acción social, deportes, desenvolvemento empresarial e comercial e cultura, entre outras actividades.

O expediente de modificación de crédito destina case oito millóns e medio de euros a 76 concellos para proxectos de infraestruturas viarias, deportivas ou culturais, áreas empresariais, emprego no rural, servizos a dependentes e maiores e eficiencia enerxética. Así mesmo, destinará 300.000 euros para seis mancomunidades locais.

Ademais, con esta modificación destinaranse 1,5 millóns de euros para o Centro Galego de innovación de FP, 790.000 euros para o Fondo de Apoio á hostalaría, 150.000 euros para o bono turístico e 450.000 euros para a adquisición de maquinaria destinada á prevención e loita contra os incendios forestais.

Tamén destinarán 133.000 euros para o fomento do deporte, 478.000 euros para Acción Social, para cultura 680.000 euros, en termalismo 169.000 euros e 750.000 para desenvolvemento empresarial e promoción comercial.

A corporación provincial tamén aprobou a adenda ao convenio coa Xunta de Galicia en materia de emerxencia e prevención de incendios, cunha achega de 224.000 euros para a creación de dous novos grupos GES. En total na provincia hai oito. Para o seu financiamento, a Deputación provincial comprometeuse a destinar máis dun millón de euros.

"TRAMA DE AMIGUETES"

A modificación de crédito proposta polo Partido Popular foi cualificada desde o Partido Socialista como "unha trama de amiguetes" para repartir estes fondos "con tongo disimulado". O viceportavoz do Partido Socialista, Nacho Gómez, subliñou que se trata de "unha trama" para repartir o diñeiro "entre quen é afín ao goberno e quen non", afirmando que, na Comarca do Ribeiro, o Concello de Cortegada --gobernado polo Partido Popular-- recibiu 336 euros por habitante, mentres que Ribadavia --co PSOE á fronte-- "recibiu 0 euros".

Gómez manifestou que Ourense é a única Deputación que ten "en funcionamento esta trama, onde o goberno provincial xoga con fondos públicos para manterse no poder" e acusou ao presidente provincial, Manuel Baltar, de "discriminar" a veciños porque os gobernen "persoas doutros partidos".

Deste xeito, os socialistas denunciaron que, tras esta aprobación, o gasto per cápita "beneficia aos concellos gobernados polo Partido Popular", asegurando que reciben unha media de 91 euros por habitante fronte aos 14 daqueles gobernados polos socialistas e os 21 do resto de concellos con outras corporacións.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. María Teresa Joga. XUNTA
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. María Teresa Joga. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta