Un 'Monopoly' de Verín con fins benéficos

Trátase de 'Conquista Verín', un xogo de mesa para a familia no que se poden atopar as rúas máis representativas da vila e diferentes establecementos que colaboraron con esta iniciativa. O dez por cento das súas ganancias irá destinado a axudar ás familias máis desfavorecidas de Verín

Por X.M. Fernández | Verín | 30/03/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Na presentación, este venres 26 de marzo en Caldeliñas, estiveron os creadores do xogo, José Antonio Quintas e María Domínguez, así como representantes dalgunhas das entidades colaboradoras; Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Lara Da Silva, presidenta da D.O. Monterrei e José Ángel  Rodicio, presidente da Asociación de Empresarios de Verín ( AEVER).

Presentación de 'Conquista Verín': Foto: Prensa Concello
Presentación de 'Conquista Verín': Foto: Prensa Concello

As regras do xogo son semellantes ás do "Monopoly" tradicional, pero este caracterízase por estar totalmente ambientado na comarca, con cartas que representan os nosos lugares máis coñecidos, así como situacións simpáticas nas que se verá reflectida a veciñanza. Así mesmo, este xogo cumpre a función de plataforma de publicidade para os negocios que aparezan no mesmo.

Segundo explicou José Antonio Quintas, o xogo -que ten un prezo de 35 euros- poderase reservar a través da app Roombo e tamén se crearán varios puntos de distribución en varios dos establecementos colaboradores da vila. A tirada inicial é de 300 xogos que xa están á venda.

Por outra banda, Emilia Somoza, quixo destacar a orixinalidade do proxecto, así como a súa potencialidade como "ferramenta visibilizadora do propio patrimonio da nosa vila", así como dos propios comercios locais que colaboran con esta iniciativa.

Por último, José Ángel  Rodicio, salientou que "a Asociación de Empresarios de Verín viu nesta orixinal iniciativa unha gran oportunidade para dar visibilidade ao comercio local da vila, así como de estar presentes nos momentos de lecer familiar dos verineses e verinesas".

FINANCIAMENTO E FINS SOLIDARIOS

O Concello de Verín realizará unha colaboración económica a través do financiamento anual achegado á Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), quen decidiu destinar parte destes fondos a apoiar esta iniciativa.

Ademais, os creadores do xogo anunciaron tamén que o 10 por cento das súas ganancias irá destinado a axudar ás familias máis desfavorecidas de Verín. "Entregaremos o diñeiro ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín para que utilice os fondos como consideren oportuno", sinalou José Antonio Quintás

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta