Educación chama á "responsabilidade" de nais e pais en Semana Santa para non aumentar os casos nos colexios

As aulas galegas pasaron do pico máximo de 4.000 casos a unha "estabilización entre os 400 e os 450".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, fixo un chamamento este sábado á "responsabilidade" para "evitar contactos sociais" durante as vacacións de Semana Santa e previr un incremento dos casos de covid-19 nos colexios tras o período festivo, igual que ocorreu en Nadal.

Alumnos en clase
Alumnos en clase | Fonte: Óscar Cañas - Europa Press.

O conselleiro subliñou que o segundo trimestre finalizou este venres en Galicia "nunha situación de positivos que é a máis baixa desde outubro".

Con todo, lembrou, foi "un trimestre complicado e duro", no que se viviu a terceira onda de coronavirus, cun "gran crecemento de positivos tras as vacacións de Nadal". Este aumento chegou a un pico máximo de 4.000 casos nos centros educativos galegos, que agora se manteñen "en estabilización entre os 400 e os 450".

Por iso, e ante a chegada das vacacións de Semana Santa, fixo "un chamamento de novo á responsabilidade social". "Os centros educativos demostraron que son centros seguros e o que temos é que fixar unhas pautas de comportamento fóra, na sociedade, porque os centros están abertos á sociedade", lembrou.

Os casos activos de covid-19 en centros educativos de Galicia --escolas infantís e ensino non universitario-- manteñen a tendencia descendente e baixan ata os 446, tres menos que o día anterior, mentres que as aulas pechadas mantéñense en nove.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta