Frank Soutelo, en plena forma

Xa chegou ás librarías 'Bícame, Frank', a quinta entrega protagonizada por Frank Soutelo, o detective ianqui de orixe galego creado por Miguel Anxo Fernández. Crítica de X.M. Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 03/10/2013 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Título: Bícame, Frank

Miguel Anxo Fernández, creador da personaxe de Frank Soutelo
Miguel Anxo Fernández, creador da personaxe de Frank Soutelo

Editorial: Galaxia

Desde a fulgurante aparición de Frank Soutelo resolvendo o asunto da desaparicón do cadáver de Marilyn Monroe, aló polo 2002, as andanzas do detective de Los Angeles, de estirpe galega, entre Soutelo de Montes e Muros, son dos títulos máis agardados no panorama das letras galegas. E, se estas teñen lugar en terras galegas, pois mel nas filloas, como acontece desde Lume de cobiza (2011). A chegada ás librarías de Bícame, Frank, quinta entrega protagonizada por Frank Soutelo e segunda en terras galaicas, cosntitúe, pois,  e asi o hai que celebrar, unha excelente noticia. Unha excelente noticia para os amantes da novela detectivesca, mais tamén unha excelente noticia para quen queira ler unha novela coa intriga moi ben dosificada e contada desa maneira amena que garante ademais algún que outro sorriso.

Nesta ocasión, Frank Soutelo vese envolto nunha intriga que se reinventa a si mesma, incluíndo motivos temáticos moi do xénero ( chantaxes, persecucións, disfraces, corrupcións, mulleres atraentes...), de xeito que nunca se volve previsíbel, cousa que sería o peor que lle pode acontecer a unha trama detectivesca. E é que Miguel Anxo Fernández foxe da típica estratexia de presentar unha intriga na que hai que resolver un misterio e se van ofrecendo posíbeis culpábeis para que o lector vaia botando as súas contas...para despois sorpender no remate. Lonxe diso, o lector asiste ao desenvolvemento da intriga como un espectador ao que Frank Soutelo, coma sempre narrador das súas propias aventuras, non adoita confidenciarlle os planos ou estratexias que vai seguir, lembrando isto moito a técnica cinematográfica. O cal é unha constante nas novelas de Miguel Anxo Fernández, e esta vez non ía ser menos, comezando xa polo feito de que o título da novela lembre a Kiss me, deadly de Mike Hammer, por exemplo.

Con Frank Soutelo reaparecen outras personaxes, coma Sugar Jones (ente ridículo, cómico, histriónico, depravado e moi rico, o funerario), Poncio (exmembro dos corpos de seguridade que, retirado, rexenta un bar en Muros e colabora con Soutelo), Dalia Maxino ( investigadora, moi eficiente, calada), a Tía Castora ( é tal a fora desta personaxe que non será doado prescidir das súa naturalidade, da súa perspicacia de muller do pobo) e Pat Pérez ( secretaria de Frank, que nesta ocasión o acompaña fora das paredes o despacho anxelino). A estas personaxes únense outras como Meli ( esa muller fatal) ou o comisario de Vilagarcía ( un fanático do pan, sempre está a rillar nel), alén dos antagonistas como Lavandeira. De xeito que se pode dicir que esta entrega é particularmente coral. Non só en canto ás personaxes, tamén, e perdóesenos a extensión, no que se refire aos lugares onde se desenvolve a trama, pois as viaxes, a itinerancia é unha constante ao longo da novela, constituíndo unha pequena homenaxe e a lugares da estimanza do autor.

Mención especial merce a imbricación ou implicación da trama novelesca co acontecer social do momento. Se na anterior Lume de cobiza foran os incendios e o mundo construción, neste caso ten un rol relevante algo xa apuntado na anterior novela, a desaparición do Codex Calixtinus, que lle acae moi ben a unha trama que xira a redor dun papiro exipcio e dun exemplar de Vento Mareiro, ambos e dous desaparecidos. Dicimos que merece mención especial porque a actualización da trama ficticia que provoa no lector, sinxelamente: non ten prezo. E tamén, na nosa opinión, as personaxes feminas merecen ser salientábeis. A tía Castora e a súa filla, a muller de Poncio, Pat, Dalia, Meli...representan un bo número e carácteres ben diferentes que está moi ben definidos, sobre todo as que son portadoras da mentalidade popular están especialmente logradas e entre outras cousas provocan a entrada na novela dun rexistro que dota á ficción dun grande realismo ( á vez que achegan case sempre ocasións para esa comicidade que fai pensar).

Así as cousas, ben se lle perdoa a Frank Sotelo o despiste cos coches, e que confunda o Audi  co Citroën C5, que tampouco ten tanta importancia poñer un en lugar do outro, sempre e cando no que importa siga demostrando estar en plena forma, é dicir, na resolución dos conflitos, dos casos, que lle correspondan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta