Medio Ambiente replica á ministra Ribera: "dende a Xunta de Galicia non mentimos, informamos"

A reposta de Ángeles Vázquez chega despois de que a número un do MITECO tuiteara en galego contra as "mentiras" do PP arredor da Lei de Cambio Climático.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, replicou á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para negar que se estea enganando á sociedade desde a Administración galega e lembrar que un informe da asesoría xurídica da Xunta advertiu que parte da lei de Cambio Climático é "frontalmente inconstitucional".

"Do que estou segura é que non mente Galicia, non mente a Xunta de Galicia, non mente a conselleira de medio Ambiente, non mente a conselleira do Mar", trasladou este luns a responsable do departamento autonómico.

Nas últimas horas a ministra lamentaba nun fío de Twitter escrito en galego as "mentiras" difundidas sobre a Lei de Cambio Climático, reiterando que "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas" na liña de costa "nin ás súas prórrogas legais", incluída a de Ence, que depende dos tribunais.

A conselleira lembrou que a Xunta ten un informe elaborado pola Asesoría Xurídica autonómica que conclúe que o artigo 18.4 desta Lei de Cambio Climático é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica".

Ángeles Vázquez lembrou que este informe foi enviado a pasada semana á vicepresidenta cuarta do Goberno do Estado polo que recomendou á ministra "que se deixe de tanto twittear e póñase a traballar" para contestar á Xunta "ou que realice un ditame por parte da Avogacía do Estado".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparece no pleno. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparece no pleno. XUNTA | Fonte: Europa Press

"PROBLEMA" COA LEI

A conselleira de Medio Ambiente asegurou que "Galicia ten un problema se segue para adiante a Lei de Cambio Climático nos termos preestablecidos" e tamén advertiu de que "tamén ten un problema o Goberno central", porque as empresas afectadas "poderían pedir as indemnizacións precisas" e, en segundo lugar, porque esta norma "ten retroactividad".

A conselleira sinalou que a lei é "clarísima" ao establecer un máximo de 75 anos para as concesións en dominio público, incluídas as súas prórrogas. Ángeles Vázquez indicou que a propia ministra informou o pasado mes de febreiro que hai "49 expedientes sen resolver" de empresas da cadea mar-industria en Galicia situadas en terreo de dominio público marítimo terrestre que teñen ou que poderían verse en problemas para ver renovada a súa concesión.

Ademais o Ministerio tamén detallaba que "das 33 concesións outorgadas só 7 son para usos da súa natureza e outras 3 xa se excederon do prazo de 75 anos". A conselleira explicou que desde a Xunta de Galicia enviaron aos municipios "a notificación co instrumento necesario para que saiban que edificacións poden ter problemas" para que "tomen as determinacións oportunas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta