Satse rexeita a oferta de prazas de Enfermaría da Xunta e lamenta que "non se oferte ningunha para Fisioterapia"

Di que "leva anos denunciando" esta situación na que se atopan especialmente os profesionais de Enfermaría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O sindicato de Enfermaría (Satse) rexeita "de maneira categórica" a oferta de emprego público correspondente ao ano 2021 na que "tan só se ofertan 19 prazas" de acceso libre para a categoría de Enfermaría e "ningunha para a categoría de Fisioterapia".

Para Satse este feito resulta "especialmente grave tendo en conta que desde o ano 2006 só levou a cabo un proceso selectivo para senllas categorías que se celebrou recentemente cunha oferta de 69 prazas de Enfermaría e 10 prazas para Fisioterapia", lamentou nun comunicado de prensa.

"Lembramos que precisamente foron as residencias e centros sociosanitarios desta Comunidade os que máis contaxios e vítimas deixou a pandemia da Covid-19", incidiu, para engadir que "a falta de profesionais de Enfermaría e outras categorías deixaron ao descuberto as penurias duns centros que deberían ser, pola contra, o mellor exemplo de coidados".

O Sindicato de Enfermaría lembrou que "leva anos denunciando" esta situación na que se atopan especialmente os profesionais de Enfermaría, xa que, matiza, "moitos centros contan tan só cunha enfermeira para as quendas de tardes/noites ou fins de semana que han de atender a máis de 100 usuarios".

Esta situación para Satse "non só mingua a calidade asistencial", senón que ademais atópanse "con que o feito de manter de maneira permanente o persoal de enfermeiras baixo mínimos, vulnera certos dereitos como o goce das súas vacacións e días de libre disposición por falta de cobertura, obrigándolles en moitas ocasións a dobrar quendas para cubrir permisos e baixas médicas das súas compañeiras".

Fisioterapia, fisioterapeuta. FLICKR - Arquivo
Fisioterapia, fisioterapeuta. FLICKR - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta