O SLG esixe á Xunta que declare a caducidade definitiva do proxecto mineiro Alberta na Serra do Suído

As consecuencias deste proxecto, apuntan, van dende a contaminación das augas ata o perigo de radiactividade.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego solicita, nun comunicado, á Dirección Xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Xunta a caducidade definitiva do proxecto mineiro Alberta I na Serra do Suído.

Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído
Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Así, o sindicato súmase á loita da Plataforma SOS Suído-Seixo, lembrando a concentración que se levou a cabo o pasado 13 de marzo, na que medio cento de persoas, convocadas pola plataforma, concentráronse na Portela da Cruz, na raia que divide os concellos de Beariz (Ourense) e A Lama (Pontevedra), para reclamar a caducidade do proxecto.

"Dúas semanas despois deste acto reivindicativo, queremos volver lembrar esta loita na que estivemos implicados directamente e solicitamos a caducidade do dereito mineiro Alberta I, NQ 4966.1-1a fracción, dos recursos da sección C, nos termos municipais de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama (Pontevedra), Beariz e Avión (Ourense), a cancelación da inscrición no correspondente rexistro e a súa declaración como terreo franco e non rexistrable".

 

OPOSICIÓN AO PROXECTO

 

Dende o Sindicato defenden que esta acción é "un paso máis" na oposición que "lle vimos facendo" a este proxecto mineiro dende que comezaron a informar del e das súas consecuencias á veciñanza xa a finais de 2013.

 

Así, sosteñen que as razóns polas que se opoñen a este proxecto xa as explicaron naquel momento, e estas son as consecuencias que pode causar o proxecto no mediambiente: contaminación das augas, perigo de radiactividade, mina a menos de 300 metros de núcleos habitados, informe desfavorable da Confederación Hidrográfica MiñoSil e afectación da actividade forestal e gandeira de varias comunidades de montes.

 

Ademais, resaltan que grazas á oposición de veciñanza, organizacións e colectivos coordinados dende a Plataforma SOS Suído-Seixo, "forzouse á Xunta a denegarlle o permiso de explotación á empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA".

 

O Sindicato Labrego defende que, tras esta denegación, "o que pretendemos agora é que, demostrado o forte impacto medioambiental e económico que tería a explotación do proxecto Alberta I, a Xunta dea o seguinte paso e declare caducada a concesión para que este pesadelo remate dunha vez por todas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta