A Semana Santa deixa 76 sinistros e unha vítima mortal nas estradas galegas

Un total de 105 persoas foron atendidas polos servizos de emerxencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa a 105 persoas debido a 76 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas, segundo informa sobre un período que comprende desde as 15,00 horas do mércores, 31 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 4 de abril. Os días que rexistraron máis incidentes foron o mércores e o sábado, con 20 sinistros ambos.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 92 chamadas en relación con losaccidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 76 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 105 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64% e do 36%, respectivamente. En canto ás idades, o 32% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 33 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas; seguida de Pontevedra, con 30. Lugo e Ourense contabilizaron nove e catro, respectivamente. Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 98. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes e as asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 72 sinistros.

Á súa vez, os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 11 accidentes. As convencionais atenderon en sete ocasións. En 91 casos, os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes; en 13 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto do sinistro.

Accidente de tráfico en Toén (Ourense).. GARDA CIVIL
Accidente de tráfico en Toén (Ourense).. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta