Un mozo de 20 anos queda absolto dun delito de abusos sexuais a unha menor de 14 por madurez "próxima"

A Audiencia Provincial de Ourense conclúe que a moza presentaba "unha madurez superior da que se desprende dunha menor de 14 anos", á vez que a do acusado era "inferior á súa idade cronolóxica".

Por E.P. | OURENSE | 05/04/2021 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu dun delito de abusos sexuais a un mozo que mantivera relacións consentidas cunha menor de 14 anos cando el tiña 20. Na sentenza, o tribunal subliña que o grao de madurez entre ambos era "próximo".

No fallo, a Audiencia conclúe que a moza presentaba "unha madurez superior da que se desprende dunha menor de 14 anos", á vez que a do acusado era "inferior á súa idade cronolóxica".

Ademais, o tribunal destaca que se tratou dunha "relación consentida, sen a presenza de ningún elemento que permita establecer dúbida acerca deste extremo, ao recoñecer expresamente a denunciante que actuou libremente".

Audiencia provincial de Ourense.
Audiencia provincial de Ourense.

EXIMIDO POR ALTERACIÓN PSÍQUICA

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña aplicou a eximente de anomalía ou alternación psíquica a un veciño de Sobrado dos Monxes que en xullo de 2018 lle tocou a íngua por encima do pantalón a unha peregrina alemá de 15 anos que se dirixía a Santiago de Compostela.

Así o acorda nunha sentenza con data do 24 de marzo de 2021, na que si condena ao home como autor dun delito de abuso sexual polo que lle impón medidas consistentes na obrigación, durante un tempo máximo de cinco anos, de participar en programas formativos e de educación sexual, así como de seguir tratamento médico externo adecuado ao seu comportamento.

Ademais, a Audiencia Provincial da Coruña condenouno á prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse a menos de 500 metros da vítima durante cinco anos. En concreto, o tribunal aplica a eximente por alternación psíquica a este acusado, nacido en maio de 1955 e que ten recoñecida unha incapacidade do 65% que, conforme apunta a audiencia, "diminúe de maneira considerable as súas capacidades intelectivas e volitivas, sen control de impulsos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta