Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2021 | Actualizada ás 13:38
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 15 anos de cárcere a un pai que violou ao seu fillo en varias ocasións, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o contido do fallo.
En concreto, considerouno culpable dun delito continuado de agresión sexual e, ademais da pena de prisión, impúxolle dez anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse por calquera medio ou aproximarse á vítima durante 24 anos, así como a inhabilitación para o exercicio da patria potestade con respecto ao seu tres fillos.
O tribunal relata na sentenza que o acusado comezou a realizarlle tocamentos de carácter sexual á vítima en 2013, cando tiña 12 anos e no domicilio no que vivían na Coruña.
"Para levar a cabo os seus lascivos propósitos, valíase da relación paternal, así como do feito de convivir baixo o mesmo teito", relatan os maxistrados, quen aseguran que "mediante a creación dun crecente clima de dominación e medo" facía ceder á vítima ás súas "manobras".
Dunha forma progresiva, segundo indican os xuíces, pasou a realizar máis actos de índole sexual co menor ata que cumpriu 14 anos. A partir desa idade e ata que o seu fillo, con 17 anos, denunciou o ocorrido, violouno en varias ocasións, segundo consta acreditado na sentenza.
O tribunal asegura que o condenado actuaba baixo o convencemento de que o menor "non contaría nada do que padecía, tendo en conta que, durante anos, conseguiu manexalo con facilidade, facéndolle crer que era un segredo entre eles e ninguén o podía saber".
"Cando cumpriu os 14 anos comezou a ser consciente do que estaba a suceder, pero, polo medo que lle infundía o seu pai, ao saber do que era capaz, non se rebelaba cando o obrigaba a manter relacións sexuais con el, xa que, para dobregar a súa oposición aos tocamentos e actos de natureza sexual, mostraba un comportamento agresivo e ameazante, tanto con respecto á súa nai como para con el", indican os maxistrados na resolución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.