Miñones será investido delegado do Goberno o vindeiro xoves

Doutor en Farmacia e ex-acalde de Ames, o seu nomeamento supón un trunfo para sector do PSdeG crítico con Gonzalo Caballero.

Por E.P. | A CORUÑA | 06/04/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, tomará posesión do seu cargo este xoves, nun acto coa presenza, entre outras autoridades, do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos. O acto, que dará comezo ás 16,00 horas na Delegación do Goberno en Galicia, celébrase tras o seu nomeamento polo Consello de Ministros do pasado 30 de marzo e a súa chegada a Delegación ao día seguinte, o mércores día 31, cando iniciou a súa actividade.

José Miñones, que substitúe a Javier Losada --que ostentaba o cargo desde xuño de 2018--, é o undécimo que accede a esta responsabilidade. O primeiro delegado do Goberno foi Domingo García-Sabell. Seguírono, nesta orde, Juan Miguel Diz Guedes, Arsenio Fernández de Mesa, Manuel Ameijeiras, Antón Rubio, Miguel Cortizo, Xosé Manuel Pouse, Samuel Juárez, Santiago Villanueva e o propio Javier Losada.

No cargo, José Miñones exercerá a representación do Goberno de España en Galicia e contará coa asistencia do catro subdelegacións provinciais. Na Coruña a subdelegada é Pilar López-Rioboo, en Lugo está Isabel Rodríguez, en Ourense, Emilio González, e en Pontevedra, Maica Larriba.

Ademais, o delegado do Goberno ten ao seu cargo a coordinación das forzas e corpos de seguridade do Estado na Comunidade e o control e xestión de diversas áreas de actuación do Executivo.

TRAXECTORIA

José Miñones, doutor en Farmacia e investigador nesta rama, ostentou desde 2015, ata o seu nomeamento como novo delegado do Goberno, a Alcaldía de Ames, localidade na que gobernaba en tripartito co BNG e Contigo Podemos.

Aínda que forma parte da executiva galega do PSdeG, desde as pasadas eleccións autonómicas --nas que os socialistas se situaron como terceira forza por detrás do Bloque-- foi unha das voces que se mostraron máis críticas cos resultados obtidos pola candidatura liderada polo secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Ademais, o pasado 15 de marzo o rexedor de Ames foi designado como único relator galego no Congreso Federal que o Partido Socialista celebrará o próximo 17 de outubro en Valencia, cita na que se encargará das áreas de Municipalismo e Medio Rural.

Precisamente, o seu nomeamento como relator foi aplaudido pola dirección provincial do PSOE coruñés, capitaneada por Valentín González Formoso, quen encabeza un dos sectores máis críticos co actual secretario xeral do PSdeG. Outras voces tamén consideran que, coa súa designación, Ferraz marca o camiño do PSdeG.

O alcalde de Ames, José Miñones, tras o pleno extraordinario e urxente no que renunciou ao cargo, no Concello de Ames, A Coruña, Galicia (España), a 29 de marzo de 2021. Miñones presentou este luns a súa renuncia como rexedor de Ames. Se. César Arxina - Europa Press
O alcalde de Ames, José Miñones, tras o pleno extraordinario e urxente no que renunciou ao cargo, no Concello de Ames, A Coruña, Galicia (España), a 29 de marzo de 2021. Miñones presentou este luns a súa renuncia como rexedor de Ames. Se. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta