A Xunta aproveita os datos de emprego para sacar peito da súa xestión

Galicia pecha marzo cunha caída do paro do 2'43%. O PPdeG tamén di que Galicia deféndese mellor que España.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2021 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Xunta reivindica que Galicia pechou marzo cunha caída do paro do 2,43%, o que a sitúa como a segunda comunidade autónoma na que máis baixou o desemprego con respecto a febreiro. Esta redución supón, ademais, a maior da serie histórica, segundo destacou este martes en Santiago a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado.

Con respecto ás afiliacións, Lado indicou que creceron na evolución mensual un 0,47%, aumento "lixeiramente superior" á subida do estado (+0,38%). A comunidade é a quinta cun maior crecemento en termos absolutos. A directora xeral tamén resaltou que os contratos indefinidos creceron un 63,7% (+3.588 contratos), "triplicando este ritmo de subida ao reflectido na contratación temporal (+21,23%)".

Neste contexto, subliñou que "a máxima preocupación da Xunta é nestes momentos manter o maior número de empregos posibles apoiando, para iso, aos sectores económicos de Galicia". "A prioridade pasa neste momento por terminar os pagos das axudas do segundo plan de rescate e na activación, canto antes, dun terceiro plan", concluíu.

CONSELLEIRA

Pola súa banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, pediu "prudencia" polo impacto da crise sanitaria na economía, pero valorou que "a situación é bastante mellor que a media nacional".

Consciente de que a evolución do paro vai vinculada ás medidas adoptadas para tratar de frear o avance da covid, a conselleira puxo en valor que a comunidade galega investiu uns 160 millóns de euros "en manter os negocios en catro meses" e cifrou en máis de 40.000 as solicitudes do segundo plan de rescate, con "un ritmo bo" de tramitación e pagados uns 21 millóns de euros de 75.

Por último, sobre os traballadores acollidos a expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE), constatou unha situación "de estabilidade" e supuxo que será así ata o verán e haberá que ver "a evolución que teñen xuridicamente".

O presidente Alberto Núñez Feijóo, no Consello de Xunta
O presidente Alberto Núñez Feijóo, no Consello de Xunta | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

PP

Tamén o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, defendeu este martes que o emprego en Galicia "aguanta mellor que no Estado" a pesar da pandemia e ao "trato inxusto" do Goberno central "na repartición de fondos".

Nun comunicado, urxiu ao Executivo central a transferir "canto antes" os recursos que "debe" ás comunidades para poder tramitar o terceiro plan de rescate que está a deseñar a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta