A Xunta acusa o Goberno central de "mentir" sobre a Lei de Cambio Climático e insiste na súa retirada

As conselleiras de Mar e Medio Ambiente reúnense en Santiago co sector mar-industria.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/04/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu en demandar ao Goberno central que retire os artigos 18.3 e 18.4 da Lei de Cambio Climático, relativos ás prórrogas ás concesións na costa, á vez que pide que o Executivo central "sente" co sector da cadea mar-industria nunha mesa de traballo. Así o expuxo antes dun encontro este martes co sector en Santiago, no cal tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana
Conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana | Fonte: Europa Press.

Quintana remarca que a asesoría xurídica da Xunta manifesta que eses artigos, "tal e como están redactados, son inconstitucionais", o cal acaba de ser avalado polo Consello Consultivo.

Precisamente, o Consello Consultivo de Galicia emitiu un informe no que considera "inconstitucional" parte do articulado da Lei de Cambio Climático, unha norma envolta nunha polémica a dúas bandas entre o Goberno central e a Xunta pola súa suposta afectación ao sector conserveiro e industrial do litoral galego e, en concreto, á situación de empresas como Ence en Pontevedra.

O Consello Consultivo considera que a redacción do artigo 18.4 terá consecuencias no réxime de prórroga extraordinaria que contempla a vixente Lei de Costas e, por iso, limitará o prazo ata 75 anos ás concesións ao ter unha "evidente eficacia retroactiva tácita".

De tal forma, Quintana avisa de que "ese criterio de retroactividade é inconstitucional", polo que deixa o sector nunha "inseguridade xurídica na que é difícil traballar e conseguir que o sector poida seguir facendo investimentos".

Por todo iso, a conselleira do Mar insta á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a analizar "con calma o que se di desde Galicia coa máxima lealdade", pois esta lei supón "xerar inseguridade e malestar".

Hai uns días, Ribera aseguraba na súa conta oficial de Twitter --en varias mensaxes escritas en galego-- que a Lei de Cambio Climático "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais", polo que pedía "ser responsables" e "non mentir nin asustar á xente". Igualmente, apuntaba que a concesión é unha decisión que depende dos tribunais.

"Esas declaracións que está a facer (Ribera) nos medios de comunicación, persoalmente estanme doendo bastante, porque o que non se pode facer ao sector é mentir, e iso non o vou a consentir", sostén Rosa Quintana.

"Está a trasladarse ao sector que a única que deu un informe desfavorable a unha prórroga foi a Xunta de Galicia, cando eles saben que iso non é así; a Xunta regula unha actividade que se desenvolve nun terreo que é titularidade do Estado, e é o Estado o que fai un informe preceptivo e vinculante se dá ou non dá período concesional", explica.

Por tal motivo, Rosa Quintana reclama á ministra "que deixe de enganar ao sector" e que "sente co sector nunha mesa de traballo" para avanzar "de maneira construtiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta