O PSdeG acusa a Xunta de "porse de perfil" no peche do centro operativo de Naturgy na Coruña

Por E.P. | A Coruña | 07/04/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Pablo Arangëna, acusou á Xunta de "porse de perfil" ante o peche do centro operativo de Naturgy na Coruña. Así o manifestou durante a concentración que os traballadores da antiga Fenosa celebraron este mércores ás portas do Parlamento de Galicia.

O viceportavoz do PSdeG Pablo Arangüena e o deputado do PSdeG Martín Seco, con traballadores de Naturgy
O viceportavoz do PSdeG Pablo Arangüena e o deputado do PSdeG Martín Seco, con traballadores de Naturgy | Fonte: PSdeG.

Arangüena considera "inadmisible" que a Xunta "non exerza as súas capacidades para convencer a empresa de que dea marcha atrás no último banzo da súa deslocalización de Galicia" e criticou que o Goberno galego fixese "caso omiso" do mandato parlamentario.

Respecto diso, lembrou que, o pasado 3 de marzo, a Cámara galega aprobaba por unanimidade unha incitativa socialista a través da que se esixía á Xunta "todas as medidas ao seu alcance" para evitar o traslado a Madrid do centro operativo da rede Norte de Unión Fenosa Distribución.

Arangüena lembrou que a Xunta dispón das competencias en materia de Política Industrial, que se traduciron nunha "lamentable falta de política industrial", derivando na "deslocalización" e "perda de galeguidade" das empresas de Galicia.

O responsable socialista sinalou que a empresa "non só ten parte da súa orixe en Galicia, senón que obtén beneficio de decenas de encoros" galegos, así como dos 17 parques eólicos xa instalados que a converten na distribuidora eléctrica na zona.

Ante estas cuestións, esixiulle á Xunta que "pida máis responsabilidades" á empresa cando "Galicia para Naturgy é un choio" xa que ten nela "un dos seus principais mercados".

O socialista tamén lamentou que, das aproximadamente 300 persoas que traballaban neste centro hai unha década, só queden unhas 70 tras un proceso de "desmantelamento progresivo" dos centros de traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta