Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 12:51
Valedor do Pobo, Consello da Cultura Galega e Fundación Secretariado Xitano estreitaron lazos para profundar na ruptura dos estereotipos que existen sobre o pobo xitano a través dunhas xornadas organizadas con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra este 8 de abril.
Unha serie de coloquios, gravados previamente, poden verse desde este xoves na web do CCG. Neles participan a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, ou a delegada Territorial da Fundación Secretariado Xitano, Eva Vera; que comparten impresións sobre un colectivo que en Galicia suma 13.000 persoas.
Unha cifra que demostra que os xitanos "non son unha minoría e non poden pasar desparcibidos", segundo expresou a presidenta do Consello nuns encontros nos que se abordan ideas como o recoñecemento legal do matrimonio xitano, o combate dos estereotipos, ou a visibilización das desigualdades.
Pola súa banda, a valedora manifestou que os poderes lexislativos teñen "unha débeda histórica" co pobo xitano que deben saldar para recoñecer legalmente o seu matrimonio, "un dos sinais de identidade" dun pobo que ten máis de 500 anos e que está perfectamente integrado na cultura española.
O Día Internacional do Pobo Xitano cumpre en 2021 50 anos do seu nacemento, xurdido do I Congreso Mundial roma/xitano realizado en Londres en 1971 e onde se instituiron catro símbolos: o idioma, o día, o himno e a bandeira, que simboliza coas súas cores o ceo, o campo, o carácter nómade e o sufrimento do pobo xitano.
Así o explica a delegada territorial da Fundación Secretariado Xitano, Eva Vera, na apertura das xornadas, que tamén inclúen unha mesa sobre as dificultades do acceso á vivenda ou os prexuízos sobre este colectivo, unha realidade na que profunda a xornalista Ana María Segovia, o estudante David Gabarri e a graduada en Traballo Social Sonia Suárez.
A organización destas xornadas procede do pasado ano, cando o confinamento decretado na primavera para facer fronte á primeira onda da pandemia obrigou a suspender a súa celebración. O formato desdobrouse en dúas citas, a primeira delas o pasado mes de novembro, coincidindo co Día Internacional da Tolerancia, e, agora, neste mes de abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.