Unanimidade parlamentaria para pedir que se intensifiquen os cribados de cancro debido aos atrasos pola pandemia

A iniciativa foi defendida na Comisión de Sanidade polo deputado socialista Julio Torrado, que comezou defendendo o bo funcionamento dos servizos de oncoloxía en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia aprobaron este xoves unha proposición non de lei presentada polo PSdeG na que se reclama á Xunta que intensifique os cribados de cancro para "reverter" os atrasos xerados pola pandemia de covid-19, así como que avalíe outras vías rápidas e procesos aínda por explorar na comunidade.

En concreto, todos os grupos pediron ao Goberno galego que se intensifiquen os programas de detección precoz oncolóxica para "tratar de reverter, na medida do posible, o problema de déficit de diagnóstico provocado pola pandemia" o ano pasado, así como que "se avalíe a implantación de novos sistemas de cribado" para casos e tipos de cancro que aínda non fosen incorporados ao Sergas.

A iniciativa foi defendida na Comisión de Sanidade polo deputado socialista Julio Torrado, que comezou defendendo o bo funcionamento dos servizos de oncoloxía en Galicia. No entanto, lembrou, a pandemia tivo tamén incidencia neste ámbito, non tanto na continuidade dos tratamentos ou revisións de pacientes con cancro, se non "na capacidade de diagnóstico e detección precoz" dos novos casos.

O PP REIVINDICA A ACCIÓN DA XUNTA

Pola súa banda, o PP, que votou a favor destes puntos, argumentou que este reforzo é algo xa que está a pór en práctica o Sergas e limitou os atrasos á primeira onda da pandemia, hai un ano. A deputada popular Encarna Amigo asegurou que nesa "situación de excepcionalidade" vivida en marzo de 2020 "producíronse atrasos".  No entanto, asegurou que o Sergas xa ten postos en marcha mecanismos para acelerar este proceso, entre os que mencionou o incremento no envío de test do cribado de cancro colorrectal.

A pesar desta sintonía, un dos puntos incluídos na proposición do PSdeG, o primeiro, non saíu adiante pola oposición do PP, que solicitou que esta cuestión se votase por separado pronunciándose en contra. Nel, os socialistas reclamaban á Xunta que se realice un informe para avaliar o volume de diagnósticos e a capacidade asistencial dos servizos de oncoloxía durante 2020 en comparación con 2019, como ano normal de referencia, para coñecer o impacto real da pandemia nesta atención.

A deputada do BNG Iria Carreira reivindicou o oncolóxico como un problema de "extrema importancia" fronte ao que a Xunta deu "uns escasísimos datos". "É necesario facer análise para saber a realidade coa que temos que traballar. Negar estes informes é varrer o lixo debaixo da alfombra", resolveu.

El socialista Julio Torrado
El socialista Julio Torrado

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta