O presidente da Deputación da Coruña sinala que o centro de desenvolvemento rural de Moeche abrirá no verán

González Formoso sinala que este centro "pretende darlle unha oportunidade a todos aqueles emprendedores que apostan polo sector primario, que queiran vivir do mundo rural dunha maneira distinta".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, prevé que o centro de 'coworking' chamado A Fusquenlla, situado en Moeche, estea operativo no verán. Funcionará como unha planta comarcal de transformación de produtos do campo e a horta.

Así o apuntou nunha visita este xoves a estas instalacións, cuxas obras e equipamento acaban de ser finalizados, situadas no recinto feiral de San Ramón, en Moeche. Este centro de desenvolvemento rural tamén dará servizo a Cerdido, Valdoviño e San Sadurniño.

González Formoso sinala que este centro "pretende darlle unha oportunidade a todos aqueles emprendedores que apostan polo sector primario, que queiran vivir do mundo rural dunha maneira distinta, desde a cooperación e coa visión de colaboración, co aproveitamento de sinerxías entre os distintos emprendedores que teñen unha visión distinta do sector agropecuario".

A este acto tamén acudiron os rexedores de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño, promotores deste centro, que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos Coworking ,posta en marcha pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

POSIBILIDADES

A Xunta, Deputación da Coruña e estes catro concellos foron os encargados de achegar os fondos para a materialización deste centro, pensado para a elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios. Os produtores locais poderán pechar a cadea para poder elaborar, e mesmo comercializar, os seus produtos.

Para iso, as instalacións están divididas en quince módulos de traballo, dos cales cinco teñen que ver con procesos do mel, seis coa sección de zumes e vexetais, mentres o catro restantes son zonas comúns.

"Esta é a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único", detallou o presidente da Deputación. Apunta que se persegue "aproveitar o potencial e as particularidades propias de cada territorio", á vez que se "fomenten sinerxías entre emprendedoras dun sector determinado".

EQUIPAMENTO E REGULAMENTO

Entre o equipamento xa instalado existe unha autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamiento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e mesmo un grupo electrógeno especial, para que os seus usuarios poidan elaborar e transformar a súa produción. O edificio conta, ademais, cunha gran cociña industrial, así como equipamento de esterilización e envasado que permitirá producir conservas e zumes cumprindo coa normativa sanitaria e de rastrexabilidade.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy (BNG), detallou que este proxecto "supón unha aposta polo rural". "Persoas que teñan produtos e excedentes poden vir aquí; e mesmo poidan ter un medio de vida, a través da venda, xa que contamos cos rexistros sanitarios", explica. "Agora o que nos queda é regular a concesión, e posiblemente no verán podamos ver xa aquí aos produtores traballando e aproveitando esta infraestrutura", indicou.

Ademais, o concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sandurniño, Manolo Varela (BNG), é o ideólogo deste centro, pois sempre demandou un lugar para que as persoas con menos recursos puidesen ter unhas instalacións nas poder dar o último tratamento aos seus produtos. "Estou moi orgullo de estar a piques de conseguir o obxectivo final, como é a transformación por parte dos usuarios", valora. Varela detalla que se está "traballando na elaboración dun regulamento para poder establecer os criterios á hora de utilizar este centro".

Alcaldes e presidente da Deputación durante a visita  a un centro  de Moeche.. CESAR GALDO PAZ
Alcaldes e presidente da Deputación durante a visita a un centro de Moeche.. CESAR GALDO PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta