As vítimas de Angrois replican a Ábalos: "Xa cesou o cargo de Adif que irá a xuízo?"

A plataforma de afectados denuncia que o ministro de Transporte non mostra "ningún respecto e ningunha sensibilidade" e pídelle que "cumpra coa súa palabra". Ábalos defende agora manter nun posto de libre designación o cargo de Adif que irá a xuízo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

A plataforma de afectados o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013 replican ao ministro de Transportes, José Luís Ábalos, que "é unha vergoña que diga que a prioridade do Goberno é o respecto ás vítimas", xa que "leva dous anos e medio" sen recibilos.

O portavoz desta asociación, Jesús Domínguez, en declaracións a Europa Press, pregunta ao ministro --que este venres se reúne co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo--, se xa cesou ao exresponsable de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, que na actualidade segue nun posto de libre designación na empresa pública dependente do seu departamento.

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou nun auto trasladado este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o peche da instrución co maquinista, Francisco Garzón, e o ex-xefe de seguridade de Adif como imputados. Ábalos comprometeuse no seu momento ante as vítimas a que, no momento en que esta imputación estivese ratificada pola xustiza, Cortabitarte sería cesado do seu posto de libre designación.

Ademais, Domínguez, en nome das vítimas, reprocha ao ministro que, durante un acto este xoves en Santiago, ofrecese colaboración coa xustiza para determinar as causas do sinistro sucedido hai agora xa case oito anos. "Que aclaracións, se se nega a investigar tecnicamente o accidente como lle pide Europa?", recrimínalle.

Con isto fai alusión Jesús Domínguez ao único informe oficial realizado polo Estado español sobre o descarrilamento na curva da Grandeira, o da comisión de investigación de accidentes ferroviarias (CIAF), organismo que se inscribe no ministerio e que sinalou ao maquinista como único responsable, a diferenza do que agora ditaminou a instrución xudicial, ao imputar tamén ao alto cargo de Adif.

"Ningún respecto e ningunha sensibilidade", engade o portavoz da plataforma, facendo referencia ás palabras de José Luís Ábalos, quen, asegura, causou ás vítimas "máis dor aínda". "Ten que cumprir a súa palabra, porque dixo que cando saíse o auto destituiríano do seu posto (a Cortabitarte)", conclúe.

Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Arquivo
Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

ÁBALOS

O ministro de Transportes, José Luís Ábalos, defende agora manter nun posto de libre designación ao cargo de Adif contra o que se segue a causa polo accidente do tren.

Preguntado en Santiago respecto do compromiso que trasladou ás vítimas do sinistro ferroviario de ordenar o cesamento do cargo imputado no momento no que se alcanzase "o momento procesual" do xuízo oral --nunha reunión en 2018--, Ábalos alegou que Cortabitarte "non ten xa ningunha responsabilidade en Adif, desde logo, en materia de seguridade".

"Este empregado público de Adif non ten ningunha responsabilidade na actualidade. Desde logo non a ten no que estaba. O que non podemos tampouco é despedilo, porque é un empregado sobre o que aínda non pesa unha sentenza que lle inhabilite para o cargo de empregado público", argumentou.

Ante a presenza da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, á que fixo mención, o ministro sinalou que el non entra "nas relacións laborais nin tampouco nas represalias".

"O que entendo é que ten que afrontar, digamos, as responsabilidades sobre o posto que tiña, que era sobre seguridade e non o ten", expuxo. Deste xeito, xustificou que "forma parte da nómina porque non hai ningunha razón aínda para inhabilitalo ou separalo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta