SOS Sanidade Pública pide a mobilización en toda Galicia o 21 de abril para "garantir" a presencialidade no Sergas

A asociación puxo o foco en que a xeneralización da atención telemática "pode supor un aumento das desigualdades" que afectan a persoas maiores e do rural. Tamén considera que este modelo que apoia a Xunta vai beneficiar "ao sector privado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Asociacións e plataformas agrupadas ao redor de SOS Sanidade Pública chama a toda Galicia a mobilizarse o vindeiro mércores 21 de abril para "garantir" a presencialidade en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e incrementar o persoal de maneira que se termine coa "precariedade", entre outras reivindicacións.

Nunha rolda de prensa concedida este venres desde o Centro Sociocultural de Fontiñas de Santiago de Compostela, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explicou que estas protestas buscarán "fortalecer alianzas entre traballadores e a poboación".

Á parte de Martín, participaron na comparecencia ante os medios a secretaria de CIG-Saúde, María Xosé Abuín; a responsable de Servizo Sociais de CC.OO. en Galicia, Maica Bouza; a deputada autonómica do BNG Iria Carreira; e outro dos dirixentes de SOS Sanidade Pública, José María Divos.

Martín resumiu as reivindicacións en cinco puntos. O primeiro deles, a "necesidade de normalizar a actividade nos centros de saúde" e "garantir a asistencia presencial", ante a "hexemonía" do modelo telemático Neste sentido, dixo estar "a favor da consulta telefónica", pero considera que a Primaria "se basea fundamentalmente entre persoal sanitario e poboación".

Así mesmo, a preguntas dos medios, puxo o foco en que a xeneralización da atención telemática "pode supor un aumento das desigualdades" que afectan a persoas maiores e do rural. Tamén considera que este modelo que apoia a Xunta vai beneficiar "ao sector privado".

"AFRONTAR AS LISTAS DE ESPERA"

A segunda reivindicación para as mobilizacións do próximo 21 de abril é "un plan para afrontar as listas de espera", cuxo dato "debe ser moi malo, porque a Administración aínda non as publicou". "Moito nos tememos de que teñan unhas dimensións importantes que poden crear unha gran preocupación e alarma social", engadiu.

Ademais, as protestas reclamarán un "acceso universal" ás vacinas da covid-19 e rexeitarán situacións que "atentan contra a dignidade das persoas", como as aglomeracións de persoas vividas nos últimos días en diferentes puntos da Comunidade. Para iso, o portavoz de SOS Sanidade Pública insistiu en que "hai que contratar máis persoal" e "ampliar" as instalacións sanitarias. Precisamente, no que respecta ao ámbito laboral, Manuel Martín reclamou un aumento dos persoais sanitaria e non sanitaria e "acabar coa precariedade laboral".


REXEITAMENTO Á LEI GALEGA DE SAÚDE

O quinto punto para xustificar as mobilizacións é "rexeitar a reforma da lei galega de saúde", unha normativa que nos últimos días volveu ao foco mediático debido ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central. O portavoz de SOS Sanidade Pública afeou á Xunta e ao PP de Alberto Núñez Feijóo que aproveitase " a situación de alarma" e que "a poboación está preocupada pola saúde" para introducir na lexislación "medidas de natureza represiva".

"Entendemos que a lei vixente ten suficientes recursos como para abordar as medidas excepcionais que houbese que adoptar para resolver o problema da covid", explicou, reducindo a polémica reforma sanitaria a "unha manobra de mercadotecnia política".

A todas estas reivindicacións, Martín agregou que os fondos extraordinarios que chegan tanto desde a Unión Europea como do Goberno deben "destinarse ao que teñen que destinarse, á sanidade e a garantir a calidade da mesma", sen esquecerse "da investigación".

"NON É A NORMALIDADE QUE DI O PP"

Pola súa banda, a secretaria de CIG-Saúde puxo o foco en que, cando se fala de recuperar a normalidade na Atención Primaria "non é a normalidade que di o PP nin a Consellería de Sanidade". "Non é seguir tendo axendas de 80 persoas citadas que non poden ser atendidas", agregou.

Por iso, María Xosé Abuín redundou na necesidade de "un plan de reordenación de recursos humanos" que contemple a recuperación de vacacións e días libres "pendentes" do 2020. "E tampouco se sabe que vai pasar co calendario de 2021".

Mentres tanto, a responsable de CC.OO. Servizos Sociais aproveitou para transmitir aos pacientes "que o persoal da sanidade non é o culpable" do que ocorre nos centros de saúde: "A Consellería de Sanidade e o presidente da Xunta aproveitan a escusa da pandemia mantendo a estrutura raquítica de persoal e introducindo pola porta de atrás a atención non presencial".

O portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín; a secretaria de CIG-Saúde, María Xosé Abuín; a responsable de Servizo Sociais de CC.OO. En Galicia, Maica Bouza; e a deputada autonómica do BNG Iria Carreira.
O portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín; a secretaria de CIG-Saúde, María Xosé Abuín; a responsable de Servizo Sociais de CC.OO. En Galicia, Maica Bouza; e a deputada autonómica do BNG Iria Carreira. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta