Temas: IGUALDADE MULLER

Oito de cada dez persoas coidadoras de pacientes con dano cerebral son mulleres

Un estudo da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) reflicte a desigualdade de xénero e o impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2021 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) presentou este venres o estudo 'O coidado informal no dano cerebral adquirido: impacto na saúde e na calidade de vida das persoas coidadoras', que reflicte "unha gran desigualdade de xénero" ao constar un perfil claramente feminizado: 8 de cada 10 persoas coidadoras son mulleres.

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela esixe que as persoas con dano cerebral adquirido e con dependencia estean vacinadas contra o coronavirus
A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela esixe que as persoas con dano cerebral adquirido e con dependencia estean vacinadas contra o coronavirus | Fonte: FEGADACE.

Esta investigación promovida por Fegadace contou co apoio da Fundación Barrié, da Fundación Roviralta e da Consellería de Política Social, e foi elaborada por ReTnova Proxectia Consulting, entre outros.

O proxecto foi apoiado cun investimento de 7.300 euros e participaron 282 persoas enquisadas por vía telefónica. Os resultados do estudo foron presentados por María Vidal Martínez, consultora senior e investigadora principal do estudo como parte de ReTnova Proxectia Consulting.

As conclusións indican unha gran desigualdade de xénero, xa que o perfil das coidadoras está claramente feminizado e 8 de cada 10 persoas coidadoras son mulleres. En boa parte dos casos, son cónxuxes da persoa afectada.

Tamén se conclúe que hai un maior impacto na saúde e calidade de vida das mulleres. Estas teñen maiores problemas físicos e mentais asociados á actividade dos coidados que os homes coidadores, segundo os datos recompilados polo estudo.

Por mor disto móstrase que hai máis mulleres seguindo tratamentos, especialmente por trastornos psicolóxicos como a depresión ou a ansiedade.

"Hai un detrimento máis severo da saúde e a calidade de vida das mulleres coidadoras", expuxo María Vidal. Por tanto, desde o estudo reclámase a necesidade da posta en marcha de recursos de apoio e o deseño de medidas con perspectiva de xénero.

Tamén se conclúe a importancia de medidas públicas sociais e sanitarias que contribúan a mellorar a vida das persoas coidadoras, especialmente no ámbito psicolóxico e emocional.

A presentación contou co testemuño de María Isabel Pardo, unha coidadora informal que expuxo algún dos problemas recollidos no estudo, tales como a necesidade de apoio institucional ou os problemas psicolóxicas derivados do coidado dunha persoa dependente.

Temas: IGUALDADE MULLER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta