Pontevedra terá este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de auga

A nova área de lecer, que estará situada no parque Rosalía de Castro, completarase coa creación dunha zona deportiva ao aire libre. O proxecto suporá un investimento global de máis de 350.000 €

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 10/04/2021 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil con xogos de auga na ribeira do río Lérez. A nova área de lecer estará situada no parque Rosalía de Castro, entre o Paseo de Rafael Areses e o Recinto Feiral e suporá un investimento duns 250.000 euros por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Este proxecto completarase ademais coa creación dunha zona deportiva e de fitness ao aire libre e o axardinamento de todo o contorno, o que se traducirá nunha actuación de máis de 350.000 euros, incluíndo a instalación de modernos sistemas de iluminación e rega e a dotación de mobiliario urbano.

Parque infantil con xogos de auga proxectado en Pontevedra
Parque infantil con xogos de auga proxectado en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

A miña intención é que en 2021 os nenos pontevedreses poidan estrear o seu primeiro parque de xogos acuáticos, con elementos pensados para diferentes idades, totalmente accesibles e seguros e diversas áreas: unha zona con xogos de texturas de auga suave, outra zona interactiva con chorros e unha terceira con efectos visuais e maior caudal de auga”, asegurou Iván Puentes, edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

En base ao proxecto deseñado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, tódolos xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade, resistir condicións ambientais desfavorables e estar preparados para os actos vandálicos. Tódolos xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. O parque contará con iluminación LED na mesma área de xogo, con luces embebidas á beira dos chorros de chan, xerando efectos visuais e de espectros de cor.

ZONA DEPORTIVA

A zona deportiva e de fitness formularase como un gran espazo ao aire libre para que a xente adestre no contorno do parque Rosalía de Castro, con equipos inclusivos, un circuíto de cross training con elementos de resistencia axustables (con cadeira de barras, área de pesas magnéticas, aneis…) e outra de cardio con varios modelos de bicicletas fitness: de spinning estáticas, elípticas e de mans, todas elas con diferentes modos de resistencia.

Iván Puentes amosouse “entusiasmado” cun proxecto que dotará á nosa cidade dun parque no que “tódolos elementos de xogo terán a auga como fío condutor, que diversificará oferta de actividades lúdicas e deportivas do concello e que incrementará o valor paisaxístico da ribeira do Lérez no contorno do Pazo de Congresos, incidindo nese obxectivo de que a cidade gañe cada vez máis vida cara o río”.

“Por suposto -engadiu o concelleiro de Desenvolvemento Sostible- o futuro parque de Rosalía de Castro incorporará os novos criteriores de deseño dos parques e xardíns para que se garantan unhas óptimas condicións sanitarias dentro desta nova normalidade xerada pola pandemia da Covid-19”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta