A Xunta di que a Lei de Cambio Climático fará que as conserveiras "non invistan"

A conselleira do Mar ve "absurdas" as novas medidas europeas de control á pesca: "Non van facer que a xestión sexa mellor".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2021 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, advirte que a "inseguridade xurídica" que levará para as concesións na liña de costa a aprobación da Lei de Cambio Climático e Transición Energétiva provocará que o sector conserveiro se "retrotraia" e "non faga investimentos". Nunha entrevista concedida á Cadena Ser este domingo, recollida por Europa Press, Quintana reafirmou a intención da Xunta de levar esta norma ante o Tribunal Constitucional porque o seu artigo 18 supón dar "carácter de retroactividade" ao límite de 75 anos estipulado como máximo para as concesións en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

A pesar de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica recalcou en varias ocasións que estes permisos non se verían afectados por esta lei, tanto a asesoría xurídica do Goberno galego como o Consello Consultivo --lembrou a titular de Mar-- "entenden que ese artigo, tal e como está redactado, é claramente inconstitucional". "Se hoxe en día ao sector non sabe definitivamente canto período queda para manter as súas instalacións, é evidente que o sector se retrotrae, non fai investimentos, non avanza, non aplica novas tecnoloxías", augurou.

Segundo Quintana, a lei estatal de costas, na súa redacción do 2013, di que as concesións outorgadas antes da súa entrada en vigor "terán unha prórroga extraordinaria de 75 anos", mentres que a nova Lei de Cambio Climático di que "desde a primeira concesión, incluíndo as prórrogas, incluso a extraordinaria, non pasarán de 75 anos". Ante este panorama, a conselleira reiterou que se "definitivamente" a norma queda "sen modificación" no seu artigo 18 unha vez saia aprobada Senado --o Congreso xa lle deu a súa luz verde esta mesma semana--, a Xunta iniciará o proceso para ir ante o Constitucional.

REGULAMENTO DE CONTROL PESQUEIRO DA UE

Noutra orde de asuntos, a responsable de Mar da Xunta cuestionou medidas impulsadas pola Unión Europea no novo regulamento de control pesqueiro, como a polémica instalación de cámaras e xeolocalizadores nos barcos, algo que ve "absurdo". "O que dicimos desde Galicia é que non hai rexión en toda a UE que estea máis preocupada pola boa xestión da actividade pesqueira", recalcou, á vez que afirma que estas medidas de control "non van facer que a xestión sexa mellor".

En palabras de Quintana, isto só "complica a vida" ao sector pesqueiro e faino sentirse "abandonado polos seus representantes políticos". Neste contexto, defendeu que a súa Consellería xa conta cun plan que permite "controlar todas as capturas nada máis chegar a Porto", ademais de que logo "pasan pola lonxa" e "levan unha rastrexabilidade". Así, dixo esperar que o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Comisión Europea, Virginijus Sinkevicius, "cumpra a súa palabra" de manter non só os "criterios científicos" nesta medida, senón tamén os "sociais e económicos".

"Espero que iso poidamos corrixilo a partir do 31 de xullo", desexou Quintana, quen ademais avanzou que xa pediu unha entrevista co ministro do Mar de Portugal, Ricardo Serrão, quen ostenta a Presidencia do Consello de Ministros de Pesca da UE.

RÍA DO BURGO

No que respecta á rexeneración da ría do Burgo, a conselleira do Mar apelou o Goberno central para "ter en conta que os mariscadores van ver interrompida a súa actividade" mentres duren os traballos, polo que urxiu a articulación de axudas". Deste xeito, suxeriu un fondo dun millón de euros no que a Xunta achegue 100.000 euros, mesma contía que os concellos afectados, mentres que o Ministerio para a Transición Ecolóxica deberá asumir "o outro 50 por cento" do custo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta