Condenado a 2 anos de cárcere por abusar dunha muller nun centro de discapacidade

Os feitos ocorreron no 2019 no centro de atención a discapacitados no que residía a muller do acusado

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/04/2021 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal número dous de Vigo condenou a dous anos de prisión a un home acusado dun delito de abuso sexual, despois de que lle realizou tocamentos a unha muller, compañeira de habitación da súa esposa nun centro de atención a discapacitados.

O xuízo, previsto para a mañá deste martes, non chegou a celebrarse ao chegar todas as partes a un acordo de conformidade, polo que o home aceptou unha pena de dous anos de prisión e a prohibición de aproximarse ou comunicarse coa vítima e de achegarse á residencia onde ela reside durante un período de 5 anos.

No entanto, acordouse a suspensión da pena de prisión, condicionada a que o home non volva delinquir nun período de dous anos e a que abone a responsabilidade civil, de 3.000 euros. En concreto, o home xa consignou 1.500 euros previamente á sesión, e o resto deberá abonalo en prazos de 100 euros ao mes.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron en novembro de 2019 nun centro de atención a persoas con discapacidade, onde este home acudía para visitar á súa esposa. Dáse a circunstancia de que o acusado residira anteriormente tamén nese centro, pero foi expulsado, e tiña permiso para visitar á súa muller entre as 17,00 e as 18,30 horas (acompañado por persoal de seguridade ata a habitación).

A Fiscalía expón que, o 22 de novembro de 2019, sobre as 18,00 horas e estando o acusado na habitación da súa esposa, achegouse á cama da súa compañeira e, con ánimo de obter unha satisfacción sexual, introduciu a súa man por baixo da saba e realizoulle tocamentos na íngua durante polo menos 10 minutos.

A prexudicada padece a enfermidade de Alzheimer en grao severo e sofre unha deterioración cognitiva, de maneira que está desorientada no tempo e no espazo e ten abolida a memoria próxima e a memoria remota, ademais da linguaxe escrita e oral. Por tanto, carece de capacidade ou vontade para consentir ou rexeitar comportamentos de natureza sexual.

Vista contra un home acusado dun delito de abuso sexual
Vista contra un home acusado dun delito de abuso sexual | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta