Temas: EDUCACIóN OPE

O 85 por cento das prazas da OPE de Educación de 2021 serán de novo ingreso,

Educación pospón para o mércores o diálogo sobre o calendario escolar e o adianto dos exames de recuperación.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/04/2021 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A oferta pública de emprego exposta pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para este ano contempla un 85 por cento de prazas de novo ingreso e para atender as necesidades de persoal tras as xubilacións rexistradas nos persoais dos centros.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, preside a Mesa Sectorial Docente non Universitaria
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, preside a Mesa Sectorial Docente non Universitaria | Fonte: Europa Press

O documento presentado este martes aos sindicatos na mesa sectorial docente inclúe as 1.604 prazas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado xoves.

Delas, unhas 1.372 serán para atender a citada reposición de efectivos: 652 no corpo de mestres, 692 para o de secundaria, 20 para escolas oficiais de idiomas e oito para artes plásticas e deseño.

O resto da oferta inclúe prazas destinadas á promoción interna. En concreto, 230 para o corpo de profesores de secundaria e outras dúas para o de docentes de artes plásticas e deseño.

Así llo trasladou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais que forman parte na mesa sectorial docente non universitaria, reunida este martes en Santiago de Compostela.

Educación destacou, ademais, que a suma da OPE correspondente a 2020 e a de 2021 abarca un total de 5.498 prazas para o sistema educativo.

As probas correspondentes á oferta deste ano desenvolveranse en 2022, do mesmo xeito que o proceso sobre as prazas do exercicio anterior celebraranse na presente anualidade.

Desde a CIG-Ensino trasladaron a súa preocupación pola "incerteza" que envolve o proceso ante os posibles cambios normativos a nivel de Estado cun novo Real Decreto de Ingreso e Acceso e o novo Estatuto Básico do Empregado Público, que poderían aprobarse este mesmo ano.

En concreto, o sindicato referiuse á posibilidade de que esta situación poida afectar o proceso, do mesmo xeito que instou á Xunta a estudar a temporalidade e o número de interinos en cada especialidade á a hora de decidir a repartición das prazas.

O sindicato ANPE tamén trasladou a súa "preocupación" pola repercusión desta normativa na OPE e a que se publicará en 2022, posto que a intención da Xunta é a de acumular ambas as ofertas.

Así mesmo reiterou o seu rexeitamento á taxa de reposición, posto que a estabilidade dos docentes pasa "por amplas ofertas de emprego público" e sacar "todas as prazas que sexan necesarias" para recuperar os efectivos perdidos nos anos da crise económica.

En paralelo, a plataforma '#Opos2021XustasParaTodxs' remitiu un comunicado para solicitar que a convocatoria de prazas anunciada pola Xunta para 2021, cuxos exames se celebrarán o próximo ano, inclúa á súa vez as correspondentes á oferta de 2022.

O CALENDARIO ESCOLAR, O MÉRCORES

A mesa sectorial continuará o mércores coa proposta de calendario escolar para o próximo curso e o posible adianto dos exames de recuperación a partir de secundaria ao mes de xuño.

A reunión abordou tamén a orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección de centros públicos, un proceso de renovación previsto para os equipos de 436 colexios e institutos. Do mesmo xeito, debateuse o anteproxecto de decreto polo que se regulará a selección, nomeamento e cesamento destes cargos adaptado á Lomloe.

Temas: EDUCACIóN OPE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta