Os establecementos xa poden solicitar os bonos "Activa comercio"

Os compradores poderán descargar os bonos, previa inscrición en liña, a partir do 3 de maio

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia abriu este mércores o prazo para a adhesión dos establecementos comerciais aos bonos 'Activa comercio' que, cun orzamento total de 10 millóns de euros, pretenden "dinamizar e reactivar a economía do comercio de proximidade".

O Goberno autonómico indica ademais que a cantidade orzada podería incrementarse en función da evolución do programa, que estará activo en principio ata o 31 de decembro.

"O comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que esixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo. Por outra banda, a crise causada pola covid-19 afectou a todos os sectores e, entre eles, de forma moi significativa ao comercio", sinalou a Consellería de Economía, Empresa e Innovación na orde.

Os establecementos comerciais  que desexen adherirse ao programa 'Activa comercio' poderán rexistrarse a través da páxina web ata o 15 de maio de 2021 e outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito, como recolle este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Solicitado o bono por parte dos establecementos, a axuda entenderase como preconcedida. A resolución definitiva publicarase na páxina web oficial da Consellería de Economía e indicarase as persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, que son ademais compatibles con outras subvencións.

COMO FUNCIONA O BONO?

Para os usuarios --persoas físicas maiores de idade que sexan residentes na Comunidade Autónoma--, os bonos estarán dispoñibles na web para a súa descarga a partir do 3 de maio e terán unha validez de tres meses. Os interesados deberán darse de alta na web previamente.

Unha vez descargado o bono, o usuario disporá del en formato dixital a través dun código QR, que estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet. 

Comercio local en Pontevedra (Galicia)
Comercio local en Pontevedra (Galicia) | Fonte: Europa Press

Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou varios dos comercios adheridos ao programa. Cada cartón terá un valor de 30 euros e, en función do importe das compras, poderán obterse descontos de cinco euros en compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros; e unha redución de 10 euros en facturas iguais ou superiores a 50 euros.

O importe máximo de bonos que poderán trocarse por cada empresa é de 5.000 euros e non serán aplicables para as compras en liña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta