Condenado o alcalde do PP de Castrelo de Miño por ameazas a un exedil do BNG

"O PP respecta as sentenzas e polo momento está recorrida" , afirma o grupo provincial.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O xulgado de Ribadavia condenou ao alcalde do Concello de Castrelo de Miño (Ourense), Avelino Pazos (PP), por un delito leve de ameazas contra o exedil do BNG Alfredo Fernández, polo que deberá pagar unha multa de 210 euros.

Avelino Pazos, alcalde de Castelo de Miño polo PP
Avelino Pazos, alcalde de Castelo de Miño polo PP | Fonte: Twitter.

Os feitos remóntanse ao pasado 27 de decembro, cando durante a celebración da feira mensual do Concello, segundo afirma o denunciante e recolle a sentenza, o alcalde púxose a milímetros da súa cara e empezou a berrarlle "chámame agora fillo de puta, vou a por ti". Ante isto, o exedil mantívose parado "coas mans nos petos", tentando que o rexedor se acougase, mentres foi finalmente a súa muller quen o separou.

No xuízo celebrado en Ribadavia, o alcalde de Castrelo de Miño confirmou que tivo un altercado co denunciante pero negou a agresividade.

A xuíza deixa constancia na sentenza de que quedan acreditadas as malas relacións entre ambas as partes por temas políticos. Tamén se refire á existencia de comentarios en redes sociais do exedil do BNG, pero apunta que "as ameazas non poden ser a resposta", senón que o serían unha querela ou unha demanda.

Por todo iso condenou o alcalde a pagar 7 euros durante 30 días ao denunciante. A acusación solicitaba tres meses de multa a 20 euros o día.

A situación ten de fondo o pleno de moción de censura, que se celebrou durante o pasado mes de agosto, e que deu o goberno ao Partido Popular --coa colaboración de dous díscolos do Partido Socialista--, nun concello que ata entón gobernaba o Bloque.

RECURSO DO ALCALDE

Nun comunicado, o rexedor asegura que a sentenza xa está recorrida na Audiencia Provincial de Ourense por "discrepar totalmente" coa mesma. Critica que se dan por probados uns feitos que "non sucederon realmente tal e como están recollidos", "en especial que eu ameazase a persoa en cuestión con facerlle algún mal, con esa interpretación calquera discusión constituiría un delito", sinala.

Así mesmo, subliña que leva "sufrindo" durante máis de seis meses "todo tipo de insultos, provocacións e memes que chegaron mesmo ao meu pai e demais familia, resignándome para evitar calquera conflito", dixo.

Por iso, sopesa presentar unha querela penal por inxurias no que considera un "acoso insustentable", pois publicacións en Facebook "van máis aló da crítica política e non se efectuaron con respecto".

POSTURA DE BNG E PP

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego trasladou que entende a sentenza como "unha mostra clara" do carácter "autoritario e antidemocrático" do actual rexedor do Concello. "Non dubida en usar a violencia verbal e o insulto diante da crítica política", censura.

O grupo provincial do Partido Popular sinala que se trata dun "problema municipal" e remítese ao que ditamine a xustiza, "que para iso é a responsable". "Respectamos a sentenza", apunta, aínda que subliña que "está recorrida na Audiencia Provincial de Ourense".

"O PP respecta as sentenzas xudiciais e polo momento está recorrida", afirma o grupo provincial respecto diso da condena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta