Sanidade chamará aos 6.000 maiores de 80 anos que non quixeron vacinarse: "Temos que convencelos"

O departamento de Julio García Comesaña, lembrou que, tras o proceso de inmunización, as residencias de maiores levan 25 días sen novos positivos entre os seus usuarios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade volverá citar aos maiores de 80 anos que non acudiron a vacinarse contra a covid-19 na primeira chamada, pero non só a aqueles nos que houbo un problema de citación, senón tamén aos 6.000 que rexeitaron activamente recibir a súa dose.

"Temos que convencelos de que se vacinen", dixo o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na última reunión do comité clínico, na que destacou os efectos positivos deste proceso de vacinación na redución da mortalidade e dos contagios.

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.  / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

En concreto, lembrou que, tras o proceso de inmunización, as residencias de maiores levan 25 días sen novos positivos entre os seus usuarios e baixou tanto a presión hospitalaria como a cifra de falecidos diarios na comunidade. Así mesmo, no relativo ao grupo de maiores de 80 anos, Núñez Feijóo lembrou que, aínda que na primeira onda este grupo de idade supuxo o 18% dos contaxiados, actualmente é só o 3,5%.

Por iso, garantiu que insistirán na vacinación das persoas deste colectivo que aínda non recibiron a súa dose, o 2,63% deles porque rexeitaron activamente vacinarse. "Imos chamalos a todos outra vez? A resposta é que si, a todos os que non fomos capaces de localizar, que son os menos, e, sobre todo, a aqueles que o rexeitaron, porque temos que convencelos de que se vacinen", engadiu.

Núñez Feijóo destacou a "gran responsabilidade" que están a mostrar os galegos que, "a pesar das distintas decisións" en relación á vacina, acudiron maioritariamente a inmunizarse coas doses de AstraZeneca, concretamente o 75%. "É un excelente indicador", ratificou.

A continuación, fixo fincapé na importancia da vacinación e na seguridade das doses administradas. "En España houbo 100.000 mortos por covid, pero ninguén pode certificar de momento que houbese un só morto pola dispensación da vacina en España", dixo o presidente galego, que viu esta "unha comparación suficientemente clara da eficacia das vacinas".

Entre outros indicadores, lembrou que os usuarios de residencias galegas, dos máis castigados pola mortalidade, levan 25 días sen ningún novo contaxio, e estes índices baixaron tamén para os maiores de 80 anos --o 18 por cento dos contaxiados na primeira onda e pouco máis do 3% actualmente--.

A nivel mundial, destacou Núñez Feijóo, "hai millóns de persoas vacinadas" con AstraZeneca, e a cifra de consecuencias ou adversidades é moi baixo. "Eu sigo tendo moi claro que é moito máis perigoso non vacinarse con AstraZeneca que inmunizarse con esa vacina", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta