Os restaurantes poderán servir ceas con reserva ata as 23,00 horas desde o venres

Os requirimentos serán, a licenza como restaurante, que o establecemento funcione con cita previa, rexistro de clientes para utilizalo se aparece un brote e que se instalen medidores de CO2 no local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

Os restaurantes galegos poderán servir ceas ata as 23,00 horas desde o vindeiro venres, unha ampliación de horario que se establece coa condición de que teñan reserva previa, un rexistro dos comensais e un medidor de CO2 en interiores.

Este novo paso na desescalada do plan de hostalaría segura foi anunciado este mércores polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na última reunión do comité clínico. A boa evolución de Galicia neste ámbito, explicou, permite avanzar en "máis horarios" e mais actividades.

Esta ampliación de horario, en consonancia co adiamento do toque de queda ás 23,00 horas, afectará, no entanto, só aos locais con licenza de restaurante. Así, os bares continuarán pechando, como ata agora, ás 21,00 horas en todos os concellos galegos nos que permanecen abertos --actualmente todos menos Carballeda de Valdeorras, A Pobra e O Grove--. Do mesmo xeito, a prórroga será para servizos de cea e as esixencias non se aplicarán ás comidas do mediodía.

REQUIRIMENTOS

Estes requirimentos serán, ademais da licenza como restaurante, que o establecemento funcione con cita previa ou reserva para a cea en cuestión, que teña un rexistro de clientes para utilizalo se aparece un brote e que se instalen medidores de CO2 no local para controlar a correcta ventilación.

A orde que aínda está por publicar no Diario Oficial de Galicia determinará se se dá algunha moratoria para a adquisición destes dispositivos, aínda que o presidente galego avanzou que será, en todo caso, "de días, non de semanas", xa que "moitísimos restaurantes" teñen "desde hai meses" estes medidores.

Aínda que se permite que os establecementos abran ata as 23,00 horas, quedar a cear nun non será motivo para vulnerar o toque de queda, fixado desde o venres á mesma hora. Así, os galegos deberán "axustar para chegar a casa" antes desta hora límite, aínda que o momento no que saian do establecemento, dependerá da súa localización. "Se un ten un restaurante debaixo de casa, chegará con que, por exemplo, saia ás 22,45", dixo o presidente galego.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021 / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021 / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Os requirimentos serán, a licenza como restaurante, que o establecemento funcione con cita previa, rexistro de clientes para utilizalo se aparece un brote e que se instalen medidores de CO2 no local... 《 - ¡Y dos huevos duros! 》