O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pioneiro por anular un despedimento por aparencia de discapacidade

É a primeira sentenza deste tipo en España.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/04/2021 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza na que aplica, por primeira vez en España, a discriminación por aparencia de discapacidade para anular un despedimento e condenar a unha empresa á inmediata readmisión dun traballador, co abono dos salarios deixados de percibir.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta.

Os maxistrados consideran acreditado que un empresario de Ourense vulnerou a prohibición de discriminar por aparencia de discapacidade ao despedir a un empregado o mesmo día que sufriu un accidente laboral, tras visitalo no hospital e comprobar que, aparentemente, as súas lesións non se curarían a curto prazo.

O traballador, que conducía unha furgoneta de repartición, foi atropelado ao cruzar un paso de peóns o 20 de xullo de 2020. Debido ao accidente, foi trasladado de urxencia ao hospital, onde foi visitado polo empresario demandado, quen o deu de baixa na Seguridade Social ese mesmo día.

O TSXG subliña que esa "aparencia razoable de discapacidade" do empregado "púidoa apreciar" o empresario "de propia man, ao acudir ao hospital a interesarse pola súa saúde o mesmo día do accidente".

A "conexión temporal" entre o atropelo, a visita hospitalaria e o despedimento é "tan forte", segundo subliñan os xuíces, "que non cabe ningunha outra conclusión máis que asociar causalmente a aparencia de discapacidade co despedimento, máis se consideramos a ausencia de feitos que puidesen acreditar unha falta de dilixencia previa na prestación de servizos".

A Sala entende que os feitos obxectivos, é dicir, o atropelo do traballador por un vehículo que o lanzou contra a calzada e o seu traslado de urxencia ao hospital, configuran "unha aparencia razoable de incapacidade duradeira na persoa do traballador, no sentido de que as súas doenzas non presentaban unha perspectiva ben delimitada en canto á súa finalización a curto prazo ou que dita discapacidade podía prolongarse significativamente antes do restablecemento desa persoa".

O TSXG lembra neste fallo pioneiro en España que a persoa é discriminada "pola discapacidade que, en base a unha aparencia, o suxeito discriminador cre que ten, con independencia de que esa persoa teña ou non teña unha discapacidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta