Feijóo pide máis incentivos fiscais para os patrocinadores do "mellor Xacobeo da humanidade"

Agradece a súa achega ás case 30 empresas que xa apoian unha cita que "renacerá" no último trimestre deste ano e consolidarase en 2022

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse convencido de que, a pesar das dificultades da pandemia, o Ano Santo 2021-2022 será "o mellor Xacobeo da historia". De feito, foi un paso máis aló e proclamou que será "o mellor Xacobeo da humanidade", xa que implicará tamén "celebrar o vencemento do virus que tentou arrasar vidas, familias e facendas".

"Acreditará que fomos capaces de vencer ao virus e de celebrar a festa da concordia, que é a festa dos camiños, a festa de Galicia", proclamou nun acto celebrado na Cidade da Cultura, no que recoñeceu o compromiso das case 30 empresas que, ata o momento, patrocinan esta cita bianual, cunha inxección de máis de 20 millóns de euros. Co foco nelas, pediu ao Goberno non só que concrete a súa achega ao Xacobeo senón que amplíe ata 2023 os incentivos fiscais para os patrocinadores.

"Neste primeiro trimestre de 2021 non é posible construír todo aquilo que nos gustaría", admitiu, para engadir, a continuación, que o Xacobeo renacerá no "último trimestre do 21", en paralelo cos avances da vacinación, e consolidarase " no seu segundo ano (2022), para o que o xefe do Executivo prognosticou que se poderá celebrar "con normalidade".

INVESTIMENTO ESTE ANO: 85,5 MILLÓNS

Así mesmo, lembrou que só para este ano a Xunta investirá 85,5 millóns destinados a programar actividades con seguridade e á promoción; así como a preparar as infraestruturas e as paisaxes do Camiño.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia e o Xacobeo son dúas dimensións inseperables que "se conectan e se explícan mutuamente". "Ao longo da súa historia o feito Xacobeo coñeceu guerras e epidemias, pero segue e seguirá como un fenómeno de concordia e confluencia de culturas que desemboca no mesmo lugar: en Galicia e, desde Galicia, proxéctase para todo o mundo", dixo.

RUEDA LEMBRA O ÉXITO DO BONO TURÍSTICO

Previamente, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o compromiso de todos os representantes das empresas que apostan polo Xacobeo, aos que considerou "como os primeiros peregrinos deste Xacobeo 21-22". Destacou que, cando a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade, Galicia estará preparada para acoller aos peregrinos e turistas e o Xacobeo comezará a "despegar e a recuperar todo o seu esplendor".

Alfonso Rueda incidiu en que o Goberno galego leva tempo traballando para ter todo preparado para este Xacobeo e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino "seguro" como Galicia e cun "Camiño Seguro". Así, insistiu en que se activaron todos os protocolos de prevención ante a covid-19 nos albergues, ademais de crear novas instalacións e mellorar as existentes, así como o acondicionamento das distintas rutas.

Tamén se porá en marcha o 'seguro coronavirus' para "garantir a tranquilidade dos viaxeiros ante casos de infección por covid-19 ou corentenas". E en canto ao apoio destinado á reactivación do sector turístico, expresou a súa satisfacción polo éxito do bono turístico '#QuedamosenGalicia', coa que a Xunta pretende mobilizar 6,8 millóns de euros no sector a través do consumo interno, e que esgotou en só 12 horas os cartóns dispoñibles.

Acto con patrocinadores do Xacobeo na Cidade da Cultura.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Acto con patrocinadores do Xacobeo na Cidade da Cultura.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta