O módulo 'Nelson Mandela' da prisión de Teixeiro será mixto, con homes e mulleres

O módulo 'Nelson Mandela' do centro penal de Teixeiro (A Coruña), ata agora composto unicamente de homes, vaise a converter nun módulo mixto, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O módulo 'Nelson Mandela' do centro penal de Teixeiro (A Coruña), ata agora composto unicamente de homes, vaise converter nun módulo mixto, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia.

Módulo Nelson Mandela do centro penal de Teixeiro
Módulo Nelson Mandela do centro penal de Teixeiro | Fonte: Delegación do Goberno

A Secretaría Xeral de Institucións Penais deu o visto e prace á proposta por parte da dirección da prisión de acoller neste módulo, no que cumpren condena 60 homes, tamén a internas na prisión coruñesa.

Con 13 anos de funcionamento, o Módulo 1 'Nelson Mandela' é un módulo de respecto educativo e convivencial dedicado na súa totalidade á preparación para a vida en liberdade. Esta iniciativa ofrece itinerarios personalizados adaptados ás necesidades de cada participante, tanto de preparación técnica como persoal, que combinan formación e integración laboral.

O obxectivo de convertelo en módulo mixto é favorecer o acceso das internas, "respectando a intimidade e as particularidades necesarias de ambos os sexos", recalca a Delegación do Goberno.

Homes e mulleres conviven nas zonas comúns de actividades e tarefas desde a 08,00 ata as 13,30 e desde as 16,30 ata as 20,30. O resto do tempo permanecen nas súas celas en diferentes plantas.

O programa Nelson Mandela forma parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, deseñada e financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, e desenvolvíase ata agora no centro penal de Teixeiro. Polo momento foron máis de 1.500 internos os beneficiados polo programa.

Foi a prisión da Lama a primeira que puxo en marcha, en decembro de 2018, o primeiro módulo de respecto mixto en Galicia e un dos poucos que existen a nivel estatal. Ademais dos equipos de inclusión dos servizos de Teixeiro e da Lama, hai outros 18 equipos comarcais que traballan repartidos por Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta